Escoitar

Vigo subvencionará con ata 20.200 euros cada vivenda que se sume ás axudas de rehabilitación

O alcalde debullou as bases da convocatoria de axudas a vivendas baleiras para o alugueiro a prezo taxado das que se dará conta na Xerencia de Urbanismo o próximo martes. Serán beneficiarias as persoas que dispoñan como máximo de 3 inmobles ou entidades que nos seus estatutos articulen o acceso á vivenda digna para colectivos vulnerables. O prezo taxado será como máximo de 750 euros. O Goberno local dedica 2.150.000 a este programa de subvencións para a rehabilitación de vivendas, elaboración de certificados de eficiencia enerxética e a contratación de seguros. “É un programa moi atractivo”, manifestou Caballero.

venres, 24 abr 2026

O Goberno local identifica por vivenda baleira aquela que non teña residentes empadroados nin contrato de alugueiro nos 3 meses anteriores á súa incorporación ao programa.

As accións subvencionables inclúen obras de rehabilitación, certificados de eficiencia enerxética e contratación de seguros. No caso das obras, poderanse recibir ata 17.000 euros, cunha cobertura do 80% para actuacións de ata 16.000 euros (máximo de 12.800 euros) e do 30% para intervencións de entre 16.000 e 30.000 euros ata un máximo de 4.200 euros.

En total, cada propietario poderá acceder a un máximo de 20.200 euros en axudas. As actuacións obxecto de subvención inclúen desde obras de conservación e modernización —como pintado, reparacións ou melloras en baños e cociñas— ata instalacións de fontanería, iluminación, ventilación ou calefacción, así como cambios na distribución interior e adquisición de electrodomésticos.

“Para as obras por un importe de ata 16.000 euros as axudas municipais case duplican ás da Xunta de Galicia, polo que o noso programa é moi atractivo”, afirmou o rexedor. Tamén se contemplan ata 200 euros para certificados de eficiencia enerxética e ata 3.000 euros en cinco anos para seguros multirrisco.

As axudas concederanse en réxime de concorrencia non competitiva, polo que estarán dispoñibles ata outubro de 2027 ou ata esgotar o crédito, que podería consumirse xa en 2026 en función da demanda.

Para concluír, o alcalde puxo en valor este programa municipal, dotado con 2.150.000 euros que é "case un 50% maior que o que ten a Xunta para toda Galicia no ano 2026”.

Descargar todas as imaxes