Escoitar

O Goberno municipal aproba o retranqueo dos colectores que inician a reforma de Tribuna

Abel Caballero explicou que “esta actuación forma parte importantísima das obras necesarias para o Mundial de 2030”. O custe da obra é de 2.821.000€ e “a Xunta e a Deputación terán que pagar un terzo cada unha”.

xoves, 23 abr 2026

“Mañá imos aprobar na Xunta de Goberno o retranqueo dos colectores paralelos de saneamento na contorna da bancada de Tribuna”, explicou o rexedor este xoves. Destacou que “esta actuación forma parte importantísima das obras necesarias para o Mundial de 2030” e que “vai ser unha intervención de gran envergadura nas infraestruturas de saneamento existentes”.

Caballero informou que se trata de dous grandes colectores (o do río Lagares e o de Fragoso), que discorren paralelos “moi pegadiños a Tribuna” e para retranquealo “vai requirir un volume de escavación de 8.500 metros cúbicos”. A actuación enténdese como a continuación natural das obras executadas no ano 2025 na contorna do acceso ás pistas de atletismo de Balaídos.

O investimento municipal nesta actuación é de 2.821.000€ e terá unha duración de 14 meses. “Ao ser unha obra para o Mundial, a Xunta ten que pagar un terzo e a Deputación outro”, sinalou Caballero, indicando que a cantidade estimada ascende a "practicamente un millón de euros”.

Este paso supón o inicio da obra física da nova grada de Tribuna, que vai permitir “alcanzar os 43.000 espectadores no estadio de Balaídos”, requisito da FIFA para ser sede do Mundial, tal e como apuntou o rexedor. 

Descargar todas as imaxes