Xornadas de cinema no Auditorio Municipal e no MARCO co programa “Rueda, Academia de Cine”
O alcalde puxo en valor o cinema e o sector audiovisual, que estes días están a desenvolver actividades e formación en Vigo con grandes profesionais. O vicepresidente da Academia de Cine, Rafael Portela, augurou que “estes días en Vigo serven para coñecer novas localizacións que se incorporarán a proxectos que levarán a imaxe da cidade ás pantallas de todo o mundo".
Ata o 24 de abril, Vigo acollerá unha ampla programación con mentorías para os proxectos seleccionados, actividades formativas e sesións abertas deseñadas para o público e para centros educativos da cidade, nas que participarán coñecidos cineastas como Aitor Arregi, Alain Guiraudie, Pilar Palomero, Celia Rico e os galegos Diana Toucedo, Anxos Fazáns, Guillermo de Oliveira, Miguel Barros e Noemí Chantada.
As proxeccións abertas á cidadanía continúan este xoves 23 de abril, no Auditorio do Concello, onde se proxecta "Miséricorde" cun coloquio con Alain Guiraudie, un dos cineastas máis singulares do cinema francés contemporáneo. Por último, o venres, o MARCO recibirá a Aitor Arregi e a historia que dirixiu xunto a José María Goenaga, "Maspalomas", que conquistou o Goya ao Mellor Actor Protagonista para José Ramón Soroiz.
Para Caballero “Rueda, Academia de Cine” é un gran proxecto para Vigo “para estar nesta revolución cultural do audiovisual”. Amais, o alcalde lembrou que Zona Franca xa está a traballar para establecer na cidade un hub para todo o sector. Pola súa banda, Portela debullou o programa desta terceira edición e agradeceu ao Concello a colaboración e poder seguir traballando xuntos neste eido.