Escoitar

O Goberno local avanza no desenvolvemento do PERTE da auga

Abel Caballero informou de que o proxecto está ao 50% de execución. Actuacións para a mellora da eficiencia do ciclo da auga, xestión da información e novas estratexias avanzan “para que Vigo siga a ser a cidade coa mellor agua de España”.

xoves, 23 abr 2026

O alcalde puxo en valor o investimento de 7,3 millóns de euros do PERTE do Ciclo da Agua e a evolución dos traballos para a mellora hidráulica, enerxética e operativa do ciclo urbano da auga mediante a implantación sensórica, a monitorización e a automatización dos procesos de abastecemento, saneamento e depuración da cidade.

As actuacións incluídas no proxecto suporán unha gran mellora na calidade do servizo de abastecemento, saneamento e depuración que se presta á cidadanía viguesa a través do incremento na eficiencia do ciclo urbano da auga grazas a outro dos eixos principais do proxecto “Vigwater”, consistente na creación dun xemelgo dixital do funcionamento do ciclo da auga e dun Centro intelixente para a xestión do ciclo integral da auga de Vigo, no cal se centralizará a xestión operativa, interpretación e visualización de toda a información obtida en tempo real. Este centro de operacións do servizo de augas de Vigo supervisará o xemelgo dixital mediante a monitorización en tempo real do estado de todas as instalacións, a análise dos principais indicadores da calidade da xestión (KPIs) co obxectivo de conseguir unha detección temperá de desviacións e incidencias e obter uns tempos de resposta máis rápidos.

O desenvolvemento do proxecto atópase completado nun 50%, executándose simultaneamente todas as liñas de actuación divididas en tres grandes bloques: o bloque de actuacións centradas na mellora da eficiencia do ciclo da auga, que abrangue desde a instalación de sensores de calidade da auga, medidores de consumo enerxético, variadores de frecuencia e automatización completa de todas as instalacións do sistema de abastecemento (captacións, depósitos, estacións de bombeo, estacións de tratamento de auga e válvulas redutoras de presión), pasando pola instalación de máis de 11.000 contadores intelixentes de auga, sensores de prelocalización de avarías de rede distribuídos pola rede de abastecemento e conectados co centro de operacións, caudalímetros situados nos principais colectores do sistema de saneamento de Vigo, medidores da calidade da auga e detectores de alivio nos puntos de desbordamento en episodios de choiva, a modernización e automatización de todas as estacións de bombeo e de todos os tanques de tormenta do sistema de augas residuais, así como a dixitalización e automatización completa da Estación de tratamento de augas residuais de Teis e a renovación de todos os sistemas de automatización e do sistema SCADA de control da Estación de tratamento de augas residuais do Lagares.

O bloque de actuacións centradas en desenvolvementos de sistemas para a xestión da información, centrado principalmente no desenvolvemento da plataforma tecnolóxica de Aqualia para a xestión intelixente e analítica do ciclo da auga, será a base do funcionamento do centro intelixente de control. 

En canto ao terceiro bloque, centrado na elaboración ou mellora de estratexias, estudos ou proxectos que promovan o cumprimento da normativa, a eficiencia do ciclo urbano da auga e a adaptación ao cambio climático, estase a finalizar o desenvolvemento do Plan Integral de xestión do sistema de saneamento (RD 665/2023), o plan director de abastecemento (RD 03/2023), a auditoría do sistema de saneamento (Lei 1/2022), así como as modelizacións matemáticas dos sistemas de abastecemento e saneamento de Vigo.

Descargar todas as imaxes