O Concello incorporará luminarias led nas rúas de Bouzas
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou o plan de marketing e dinamización da Brincadeira e a creación da web e estratexia de promoción dixital do casco antigo de Bouzas. As tres actuacións están enmarcadas no Plan de Sostibilidade Turística "Casco Histórico da Vila de Bouzas", financiado a cargo dos fondos Next Generation.
O goberno local aprobou, na Xunta de Goberno Local de onte, a adxudicación da contratación do subministro de luminarias led para Bouzas, cun investimento de 234.101€. Realizarase a substitución de preto de 270 luminarias de diferentes tecnoloxías a unha nova tecnoloxía led, mellorando así a eficiencia enerxética das instalacións. Trátase dunha medida que permitirá diminuír significativamente o consumo anual de enerxía eléctrica dos elementos de iluminación pública e mellorará o confort visual.
Na mesma sesión, aprobáronse outras dúas actuacións enmarcadas no Plan de Sostibilidade Turística "Casco Histórico da Vila de Bouzas", financiado a cargo dos fondos Next Generation. Neste sentido, adxudicouse a aprobación do plan de márketing e dinamización da Brincadeira, por 15.000 euros, e a creación da web e estratexia de promoción dixital do casco antigo de Bouzas, cun orzamento de 50.000 euros.