O Concello inicia a construción do novo aparcamento de Matamá
Abel Caballero destacou que “o custo da obra é de 1.164.000€, máis 400.000€ do solo, polo que a obra do aparcamento contará cun investimento de case 1.600.000€”
“Hoxe iniciamos a construción do aparcamento de Matamá”, comezou explicando o rexedor vigués. O aparcamento ao aire libre estará nunha parcela de titularidade municipal e terá acceso pola rúa Manuel Cominges, fronte ao colexio Josefa Alonso e, a partir de aí, proxéctase unha vía que discorre a través da parcela ata chegar á rúa Canteiros.
Caballero tamén explicou que “terá sobre 110 prazas, cun número importante de espazos reservadas para persoas con mobilidade reducida”. Ademais, contará coa humanización da contorna, que terá renovación do saneamento, pluviais e redes de servizos, así como unha nova iluminación e zonas axardinadas “que lle darán moita luz e vistosidade ao conxunto”.
O custo da obra é de 1.164.000€ aos que se suman os 400.000 euros que o Concello destinou previamente para a compra do solo. O alcalde cualificou o aparcamento de "fundamental” e finalizou sinalando que “imos facer unha gran obra en Matamá porque o merece”.