As ramplas de Pintor Lugrís entrarán en funcionamento no mes de maio
As obras de humanización e instalación de dúas ramplas mecánicas contan cun investimento municipal de 1,5 millóns de euros.
Abel Caballero informou esta mañá dos avances na actuación da rúa Pintor Lugrís, na que se está “ultimando a humanización e a instalación das ramplas mecánicas”. O rexedor sinalou que neste intre están acometéndose os últimos detalles pendentes, como a instalación “dun panel informativo no que se reproduza unha das grandes obras de Lugrís: "Vista de Vigo"”. A obra estará completamente rematada a mediados do mes de maio.
O rexedor explicou que a actuación supón a humanización da rúa, mellorando un tramo de 125 metros de lonxitude, con dúas ramplas de 39 metros de longo cada unha, que salvan un desnivel de máis de 10 metros. Tamén se acometeu a renovación íntegra de pavimentos e servizos, ampliando o espazo peonil ata os 893 metros cadrados; instalouse novo mobiliario urbano. Ademais creáronse 276 metros cadrados de novas zonas axardinadas e renovouse tamén a rede de abastecemento, saneamento e a iluminación por unha nova eficiente. A actuación conta cun investimento de 1,5 millóns de euros.