Escoitar

O Feelant Impact Summit sitúa a Vigo como punto de referencia en impacto social

O Auditorio Mar de Vigo acollerá o próximo 23 de abril a terceira edición deste encontro, centrado na innovación social, o investimento de impacto e a colaboración. O evento reunirá a destacados representantes do ámbito institucional, científico e social, e culminará coa entrega dos Feelant Impact Awards.

venres, 17 abr 2026

O Concello de Vigo acolleu hoxe a presentación dunha nova edición do Feelant Impact Summit, un encontro que o próximo 23 de abril converterá a cidade en punto de referencia para o diálogo e a acción arredor do impacto social.

O Auditorio Mar de Vigo será o escenario desta terceira edición, que reunirá a expertos, entidades sociais, empresas, institucións e cidadanía comprometida coa transformación social, nunha xornada orientada a impulsar a innovación social, o investimento de impacto e a colaboración.

Durante o summit, a cidade consolidarase como espazo de conexión entre iniciativas que traballan para dar resposta a algúns dos principais retos do noso tempo, como a saúde e o benestar, as enfermidades raras, a inclusión das persoas con discapacidade, o apoio a quen coida, o talento novo ou a educación como motor de oportunidades.

O programa combinará relatorios inspiradores, mesas de debate e presentación de proxectos, co obxectivo de visibilizar solucións que xa están a xerar impacto positivo na sociedade e fomentar novas alianzas.

Abel Caballero subliñou "a importancia de impulsar la innovación social, a través da colaboración e cunha forma de entender as relacións entre empresas e institucións coa sociedade para xerar espazos compartidos".

Entre os participantes confirmados destacan Antón Costas, presidente do Consello Económico e Social de España; Miguel Ángel Correa-Duarte, director do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO); e David Rodríguez, presidente da Fundación Pegasus, que achegarán unha visión complementaria desde a economía, a ciencia e a acción social.

Tal e como sinalou Ramiro González, fundador de Feelant, "este encontro sitúa a Vigo no mapa do impacto social, reunindo a persoas e organizacións que están a traballar para transformar a economía e dar resposta aos grandes desafíos actuais. Ademais, queremos poñer o foco na mocidade como unha das grandes pancas de cambio, achegándolles estes retos e conectando o seu talento con proxectos de impacto".

A xornada culminará coa entrega dos Feelant Impact Awards, uns galardóns que recoñecen as iniciativas máis destacadas pola súa contribución a mellorar a vida das persoas e xerar impacto positivo.

A inscrición gratuíta pode facerse na web www.feelant.com

Descargar todas as imaxes