A cidade celebrará a súa primeira Gala de Turismo
Celebrarase o próximo martes 21 de abril ás 20 horas no Auditorio Mar de Vigo e recoñecerá e premiará ás empresas, aos negocios e ás industrias do sector que fan unha aposta polo turismo en Vigo
Abel Caballero puxo de manifesto que o evento “é unha homenaxe ao sector turístico que apoia á cidade de xeito tan importante e que fixo que Vigo sexa a primeira cidade turística de Galicia”. “Temos un turismo cuantitativamente moi importante e de máxima calidade”, expresou ao anunciar a I Gala de Turismo de Vigo.
O acto, que se celebrará o martes 21 de abril no Auditorio Mar de Vigo, contará coas actuacións de Antía Pinal, ganadora de La Voz o ano pasado, e Eladio e os Seres Queridos, “tan apreciados na cidade”. O evento será conducido polos xornalistas da Cadena SER, Paula Montes, e da Cadena COPE, Luis García.
A primeira Gala de Turismo de Vigo premiará a empresas e negocios en nove categorías: premio á excelencia hoteleira; premio á mellor proposta gastronómica; premio á traxectoria e tradición na hostalería; premio á iniciativa social e solidaria; premio ao mellor evento de proxección pública; premio ao compromiso coa sostibilidade medioambiental; premio á mellor experiencia de ocio temático; premio ao patrocinio e colaboración empresarial; premio City spotlight á marca do ano.