O Concello recoñece o traballo de empresas e entidades na I Gala de Turismo
O Auditorio Mar de Vigo acolleu o evento no que a cidade amosou a súa consolidación como destino turístico de referencia. Abel Caballero: “O incremento do turismo articúlase en torno ao fenómeno do Nadal de Vigo, proxecto turístico emerxente máis importante de Europa, realizado integramente polo Concello de Vigo”
A I Gala de Turismo de Vigo converteuse este martes nun gran escaparate do potencial turístico da cidade, nun evento que combinou actuacións en directo, proxeccións audiovisuais e a entrega de galardóns aos principais protagonistas do sector en recoñecemento ao traballo en favor do turismo da cidade.
O alcalde puxo en valor que Vigo pechara o ano 2025 como a cidade máis turística de Galicia, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística, que rexistrou máis dun millón de viaxeiros o ano pasado. “A isto contribúe de forma esencial a hostalaría coa nosa gastronomía, os hoteis da cidade e todo o sector turístico”, louvou. O rexedor tamén debullou que “este incremento do turismo articúlase en torno ao fenómeno do Nadal de Vigo, o proxecto turístico emerxente máis importante de Europa, realizado integramente polo Concello de Vigo. A este fito turístico súmanse outros, respaldados na súa integridade pola administración local, como O Marisquiño, A Reconquista, a Cabalgata de Reis, as festas populares de Vigo, o verán, os concertos gratuítos de Castrelos, ou accións como Vigo Plató de Rodaxes e a atracción de grandes congresos empresariais, tecnolóxicos, sanitarios e sociais”.
Para Caballero o éxito radica nunha cidade limpa, accesible, coa modernidade na mobilidade grazas aos ascensores, ramplas e escaleiras mecánicas, grandes zonas verdes e espazos para a cidadanía.
Por todo isto, concedéronse os premios ás seguintes empresas e entidades: a Excelencia Hoteleira recaeu no Hotel NH Collection Vigo polo seu compromiso coa calidade e o servizo e implicación na vida activa da cidade; a Mellor Proposta Gastronómica foi para o restaurante Maruja Limón, pola súa capacidade de innovación e vangarda sen perder a tradición; o recoñecemento á Traxectoria e Tradición en Hostalaría foi para a taberna A Mina, símbolo da historia gastronómica local desde o 1953. No ámbito social, distinguiuse ao colectivo de taxistas de Vigo co premio Mellor Iniciativa Solidaria pola súa iniciativa de achegar aos maiores de Vigo a visitar as luces de Nadal; mentres que O Marisquiño foi premiado como Mellor Evento de Proxección Pública polo seu impacto internacional. O galardón ao Compromiso coa Sostibilidade foi para Vegalsa-Eroski, polo seu labor ambiental nos Montes de Vigo; a Mellor Experiencia de Ocio Temático recaeu no Barco de Nadal pola súa orixinalidade e por consolidar unha nova experiencia; e o recoñecemento de Patrocinio e Colaboración Empresarial foi para o Centro Comercial Vialia, que dá a benvida aos visitantes. Finalmente, o premio Spotlight á marca do ano distinguiu a L’Oreal París, pola campaña publicitaria “Querida Vigo: estas navidades mi pelo brillará más que tus calles”.
O alcalde agradeceu o labor de todas as empresas, entidades e industrias do sector turístico que situaron a Vigo como a cidade máis turística de Galicia no ano 2025. “Temos un turismo cuantitativamente moi importante e de máxima calidade”, subliñou. Abel Caballero reivindicou como Vigo emerxeu e se consolidou dentro dos grandes circuítos turísticos e cunha imaxe de marca reforzada grazas ao Nadal. “Agora somos unha cidade que atrae visitantes todo o ano”, celebrou.
Entre as reivindicacións para a mellora do turismo o alcalde fixo fincapé en que Vigo precisa de máis rutas aéreas e infraestruturas sólidas como a liña de alta velocidade Vigo – Ourense por Cerdedo para contar cunha conexión competente con Madrid; o AVE Vigo – Porto ou a autovía en túnel entre Vigo e O Porriño. “E levarémolo todo adiante sen o apoio da Xunta e da Deputación de Pontevedra”
A gala arrancou coa chegada de convidados e un photocall. Os xornalistas Paula Montes e Luis García conduciron o acto no que as persoas asistentes puideron gozar da actuación en directo da viguesa Antía Pinal, gañadora do programa La Voz o ano pasado. Ao longo da velada proxectáronse vídeos sobre a presenza de Vigo en feiras internacionais como FITUR e testemuños de operadores turísticos locais, destacando a importancia do tecido empresarial, hostaleiro e comercial na consolidación do modelo turístico da cidade. Non faltou o humor de Pepe y Lucas ao longo do evento e a actuación de Eladio e os Seres Queridos para rematar a I Gala de Turismo de Vigo.