O Concello dedica case 4 millóns á renovación do abastecemento e o saneamento en Cesáreo Vázquez
Abel Caballero deu conta do inicio da renovación das redes en Cesáreo Vázquez no que suporá unha primeira fase de actuación nesta rúa. O proxecto de humanización integral, no que xa traballa o Concello, require maior prazo dado que hai que expropiar parcelas.
O goberno local deu luz verde á renovación do abastecemento e saneamento da rúa Cesáreo Vázquez, entre a avenida Ricardo Mella e a estrada de Camposancos. Segundo explicou o alcalde, o proxecto de humanización para este tramo está conectado co novo PXOM e precisa obter uns terreos privados e, polo tanto, requirirá maiores prazos de execución.
Caballero explicou que coas obras desta primeira fase no viario actual evitaranse incidencias nas redes que provocan filtracións, afeccións ao tráfico, interrupcións no servizo de abastecemento, danos en bens públicos, ademais de perdas de auga non rexistradas.
Este proxecto suporá un investimento de 4,2 millóns, dos que 1.086.000 euros serán para o tramo comprendido entre Ricardo Mella-Canido e, 3,2 millóns para o tramo que vai desde Ricardo Mella ata a estrada de Camposancos.
Aparcamento Becerreira
O goberno local inicia a tramitación que lle permitirá construír un aparcadoiro “imprescindible” en Becerreira, Cabral. Na Xerencia de Urbanismo darase conta a semana que vén do inicio da expropiación de varias parcelas cunha superficie de 2.106 m2. Tal e como detallou o rexedor, o Concello xa avanzou no proxecto de urbanización para ese aparcadoiro.