Escoitar

O Pleno pide a administracións e entidades solución para os afectados polas preferentes

Os tres grupos políticos con representación municipal -PP, PSOE e BNG- consensuaron na sesión plenaria deste luns un texto en defensa dos dereitos dos consumidores afectados polas chamadas participacións preferentes, comercializadas por distintas entidades financeiras. A moción esixe solucións ás administracións públicas, bancos e organismos reguladores.

luns, 26 mar 2012
O Pleno da Corporación Municipal de Vigo aprobou este luns unha moción de apoio aos afectados polas chamadas participacións preferentes, produtos financeiros comercializados por varias entidades financeiras que teñen retido os aforros de miles de persoas.

Na orde do día da sesión figuraban sendos textos presentados polos tres grupos políticos, quen finalmente consensuaron un único texto para apoiar aos aforradores e reclamar unha solución favorable aos mesmos ante as administracións e entidades competentes.

A moción aprobada insta "á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado a adoptar medidas efectivas de protección dos clientes de entidades financeiras que investiron os seus aforros en instrumentos financeiros opacos, sen que por parte das entidades fosen informados debidamente dos riscos do producto e sen que se cumprisen as demais obrigas estabelcidas na normativa, co fin de que poidan recuperar os seus aforros no prazo de tempo máis breve posible".

Nun segundo punto, o Concello de Vigo reclama do Banco de España e da Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) que "promova unha solución para a recuperación do investimento realizado polos subscritores de participacións preferentes en Galicia" e demanda de NovaGalicia Banco a ofrecer "unha solución aos subscritores de participacións preferentes que desexen recuperar os cartos investidos neste produto, permitindo aos afectados a recuperación íntegra do investimento realizado".

Por ultimo, a Corporación de Vigo demanda "das autoridades competentes o cumprimento escrito da normativa MIFID (Directiva sobre mercados de Instrumentos financeiros) na comercialización no tramo minorista de productos financeiros" e esixe "a depuración de responsabilidades aos executivos e directivos das entidades financeiras, que impulsaron e cometeron o fraude masivo aos pequenos aforradores".