Escoitar

A Corporación apoia as mobilizacións de folga xeral contra a reforma laboral

Socialistas e nacionalistas coincidiron no Pleno deste luns á hora de esixirlle ao Goberno Central a retirada da Lei da reforma laboral. Durante a sesión plenaria aprobáronse sendas mocións -unha de cada grupo- nas que se solicitaba ao Executivo a presentación no Congreso dos Deputados dun texto alternativo e pactado cos axentes sociais e se manifestaba o apoio da Corporación á folga xeral do 29 de marzo.

luns, 26 mar 2012
PSOE e BNG acordaron esta mañá aprobar unha moción do nacionalista que manifestaba o apoio do Concello de Vigo ás mobilizacións e á folga xeral convocadas para o 29 de marzo en contra da reforma laboral aprobada no Real Decreto 3/2012, do 10 de febreiro. Na mesma liña, estes dous grupos coincidiron en dar luz verde a un texto defendido polo socialista Santos Héctor no que se instaba ao Goberno de España a presentar no Congreso dos Deputados un proxecto de lei alternativo e pactado cos axentes sociais e as forzas políticas "que teña como obxectivo a creación de emprego de calidade".

Na mesma moción, solicítase que o Pleno municipal do Concello de Vigo de traslado ao texto aó presidente do Goberno, á ministra de Emprego, ao presidente do Congreso dos Deputados, aos portavoces dos grupos parlamentarios do Congreso, así como aos representantes dos axentes sociais.