O Pleno aproba apoiar a proposta de ingreso de María Xosé Queizán na Real Academia Galega
O Pleno da corporación municipal aprobou este luns apoiar o ingreso da escritora María Xosé Queizán na Real Academia Galega, a proposta do Consello Municipal da Muller de Vigo. Segundo destacou a concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso, o Consello valorou o activismo feminista de María Xosé Queizán tanto na súa actividade social como literaria, así como a necesidade de que a RAG acade unha maior representación de mulleres, xa que só conta na actualidade con catro mulleres.
A concelleira de Igualdade lembrou que María Xosé Queizán forma parte do Consello Municipal da Muller dende a súa constitución no ano 1993 como representante da organización FIGA. Sinalou que a resolución do Consello, celebrado o pasado 14 de setembro, valorou o labor extenso a prol da nosa cultura e a nosa lingua, consolidada nas súas diversificadas facetas como intelectual, docente e activista a prol dos dereitos das mulleres na sociedade galega. Ademais, o Consello Municipal de Muller, axente das políticas de igualdade, considerou que Queizán ten numerosos méritos que lle permitirán contribuír á loita pola igualdade nun órgano académico como é a Real Academia Galega.
Iolanda Veloso fixo un repaso pola traxectoria de María Xosé Quizán, tanto do seu labor literario como de compromiso social. A concelleira dixo que eran unhas breves pinceladas "que apenas reflicten o valor humano e intelectual de María Xosé Queizán, que pretenden ser unha chamada á porta desa institución que o pobo galego precisa e coa que as mulleres e os homes galegos gustarán de sentirse identificados".