mércores, 27 outubro 2010

Decenas de rapaces descobren a nova escultura conmemorativa do Bicentenario da Cidade

O alcalde de Vigo, membros da Corporación e distintas personalidades da cidade asistiron este mércores á inauguración da nova Praza do Bicentenario, fronte á Praza do Rei, descoberta por estudantes do colexio Josefa Alonso de Matamá. O artista, Silverio Rivas, esculpíu en aceiro a torre e o olivo da cidade, que incorpora en cada póla "o nome das 23 parroquias que conforman a cidade". Abel Caballero eloxiou a "peza única" e indicou que esta recolle o carácter vigués: "sabemos de onde vimos, onde estamos e onde imos".

O Concello distingue polo Bicentenario a dez entidades "que desempeñan un papel clave na configuración do Vigo heteroxéneo do século XXI"

mércores, 27 out 2010

Dentro dos actos conmemorativos do Bicentenario da Cidade, o Concello distinguiu este mércores nun acto institucional a dez entidades "que desempeñaron e desempeñan un papel clave na configuración do Vigo heteroxéneo do século XXI", segundo indicou o alcalde. Os recoñecementos recairon en Caixanova, no Celta de Vigo, en PSA Peugeot Citroën, na Cooperativa de Armadores -en representación do sector pesqueiro-, no Faro de Vigo, en Hijos de Barreras -no nome do naval vigués-, no Porto, en Radio Vigo, na Universidade e na Zona Franca.

Benestar incrementará no 2011 o orzamento para becas e incluirá Coia no programa de prevención de condutas de risco

mércores, 27 out 2010

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Benestar Social, María Méndez, reiteraron este mércores o seu compromiso coa educación na xuntanza que mantiveron con membros dos equipos directivos e de orientación dos centros escolares da cidade. Como consecuencia deste compromiso, a Concellería de Benestar Social incrementará o orzamento que destinará no 2011 a becas de libros e comedores, pasando de 620.000 a 720.000 euros, e ampliará a Coia o programa de prevención de condutas de risco, que xa está en marcha na zona centro, Teis e Calvario.

Abel Caballero, Pierre Ianni, Salustiano Mato ou Cómplices pasaron polo programa de RNE "En días como Hoy"

mércores, 27 out 2010

Con motivo da celebración do Bicentenario de Vigo o xornalista Juan Ramón Lucas e o seu equipo realizaron na mañá deste mércores desde o Auditorio Municipal de Vigo o programa "En días como Hoy". Desde as 7 da mañá e ata as 12 do mediodía persoaxes significativos da nosa cidade estiveron nos micrófonos de RNE para falar de temas relevantes para Vigo coma os proxectos de futuro, o sector do automóvil ou o Campus do Mar.