Escoitar
Chus Lago presentou o balance do estudio antropométrico realizado en diversos colexios da cidade

Un 18,9% das nenas e un 11,5% dos nenos da cidade presentan obesidade

A concelleira de Sanidade destacou este martes que máis do 80% deste sector da poboación teñen un peso normal. O estudio antropométrico levouse a cabo cunha mostra representativa de 571 nenos e nenas de diferentes centros docentes da cidade, con idades comprendidas entre os 12 e os 16 anos. Ademais do estudio, a concelleira destacou a alta demanda da poboación viguesa das diferentes ofertas da Unidade Concello Saudable, creada hai agora un ano e que rexistrou un total de 615 asistencias.

martes, 26 out 2010
1288097192unidadesaudable.jpg
A concelleira de Medioambiente, Sanidade e Consumo, a socialista Chus Lago, presentou na mañá deste martes o balance do estudio antropométrico levado a cabo pola concellería que dirixe. Segundo os resultados dese estudio a concelleira destacou que o 88,5% dos nenos e o 80,1% das nenas presentan un peso normal fronte a un 11,5% de nenos e un 18,9% de rapazas con problemas de obesidade. Os datos extráense da prevalencia da obesidade en relación ao porcentaxe graxo medio, segundo explicou a edil de Sanidade.

O estudio comezouse co obxectivo de estudar a obesidade e o sobrepeso na poboación infantil de Vigo, collendo unha mostra representativa de 577 nenos e nenas de diferentes centros docentes da cidade. No estudio, no que participaron tamén persoal da Unidade Docente de Mediciña Familiar de Vigo, analizáronse rapaces de colexios públicos -un 51,3%- e de centos concertados -43,3%-. Os nenos foron 296 e as nenas 281.

A concelleira explicou que estes datos son comunicados aos pais dos rapaces para que a partir destes datos tomen as medidas necesarias de xeito que a concellería desenvolve unha labor "complementaria e coordinada" cos médicos.

No balance da Unidade Concello Saudable Chus Lago incidiu na alta demanda que presenta a mesma e de feito desde a súa apertura a Unidade tivo un total de 615 asistencias, das que un 73,11% foron mulleres e o 26,88" homes. Os datos que se desprenden do balance reflicten ademais que hai un destacado índice de participantes con sobrepeso e obesidade Tipo 1, "atendendo nalgúns casos a obesidades Tipo 2 e 3".

A citada Unidade está emprazada no segundo andar do concello vigués e está aberta a todos os cidadáns previa cita no 010. Alí atoparán un espazo dotado con medios materiais capaces de levar a cabo medicións antropométricas á poboación ademais de asesoramento técnico para casos como a diabetes, trastornos da conduta alimenticia, problemas dixestivos, etc.

A concellería tamén leva a cabo un programa de Actividade Física Saudable en Asociacións de Vigo na que un equipo de profesores especializados imparte Tai Chi, Pilates, Ximnasia de mantemento; un programa gratuíto polo que cada unha das asociacións adheridas conta con dúas sesións semanais e na que participan anualmente máis de 600 persoas.

Formación de cans para terapia asistida
A concelleira Chus Lago anunciou tamén que en 15 días presentaranse en sociedade as dúas cadelas -Mami e Guida- que están a recibir formación para participar en terapia asistida con nenos con problemas de hiperactividade e Síndrome de Down. As cadelas proveñen da Protectora de Animais e forman parte do Plan Saúde que leva adiante esta concellería. "É a primeira vez que un Concello decide adoptar unha medida destas características", asegurou Chus Lago, quen afirmou tamén que en 15 días as cadelas estarán preparadas para empezar a participar neste ambicioso proxecto.

Camiño a Camiño, agora con cans
A edil socialista avanzou nesta liña que a partires de novembro os cans poderán participar no programa Camiño a Camiño, nas saídas da ruta GR 53, que se levarán a cabo a partires do vindeiro mes. Trátase dunha ruta lineal, con 4 etapas, na que os cans tamén poderán participar dunha "vida saudable". O requisito é levar un transportin para o animal para os desprazamentos de saída e chegada no autobús.
Descargar todas as imaxes