Xesus López anuncia que o programa "6x6" amosará no Verbum dende o xoves 18 espectáculos de artistas emerxentes
O concelleiro de Cultura, Xesus López, presentou hoxe a segunda edición do programa "6x6. Punto de encontro", que se desenvolverá no Verbum os xoves dende o 28 de outubro ao 2 de decembro, ás 20.30 horas. O concelleiro nacionalista destacou que este proxecto está integrado por un total de 18 espectáculos realizados por artistas emerxentes, coa palabra como eixo central.
"É xusto que esta proposta se desenvolva no Verbum, xa que xira arredor da comunicación e calquera das súas facetas", destacou Xesus López na presentación, na que tamén participaron Olga Cameselle e Santi Araújo, de A Artística. A palabra falada centrará a proposta do xoves 28, a cargo de Marián Bañobre, Anabel Gago e Seilaesencia. A palabra movemento será o eixo do espectáculo do 4 de novembro, no que actuarán Wences Pierdes, Gena Baamonde e Xabier Mariño. A palabra sonora, o 11 de novembro, será o eixo da actuación de Artús, Antela Cid e Helder K. Sobre a palabra signo, o 18 de novembro, xirarán as creacións de María Torres, Lucía García e Gonçalo Guerreiro. Sobre a palabra imaxe irá o espectáculo do 25 de novembro, a cargo de Rebeca Iglesias, Marta Paz e Vanesa Perozo. Finalmente, a palabra escrita centrará as creacións de Clara Gayo, Estela Lloves e Brian Moure o 2 de decembro.
Xesus López manifestou que dende a Concellería de Cultura quería expresar os seus parabéns ao colectivo A Artística, como produtora do evento, e ao director do Verbum Rosendo Covelo, "polo gran programa que presenta ao longo do ano".
"Este ano quixemos completar o momento presencial coas novas tecnoloxías", afirmou Olga Cameselle, en representación de A Artística. Ademais sinalou que, aínda que o proxecto está pensado "para o Verbum exclusivamente", supón unha "ampliación de fronteiras" xa que participan artistas de Galiza e o norte de Portugal.
Santi Araújo, pola súa banda, salientou que o "éxito apabullante" da edición do ano pasado fixo que na deste ano quixeran "favorecer novos puntos de encontro e implicar á xente para que participara activamente". Neste sentido sinalou que o programa tamén inclúe charlas para que os artistas emerxentes poidan explicar as súas creacións.
O director do Verbum salientou que a colaboración co colectivo A Artística enmárcase no reto que se marcou hai case tres anos de "dar prioridade aos novos creadores", co dobre obxectivo de facer do museo "escaparate" dos artistas emerxentes e achegar novos públicos á Casa das Palabras.
Descargar todas as imaxes