Escoitar

O salón Expogalaecia premia á Fundación Vigo Convention Bureau polo impulso do turismo de negocios na cidade

O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, participou este martes na presentación dos salóns Vigofeira e Expogalaecia, que se celebrarán a partir do 28 e 29 de outubro, respectivamente, e ata o 1 de novembro no Ifevi. Na súa intervención, agradeceu a distinción outorgada por Expogalaecia á Fundación Vigo Convention Bureau polo seu labor para impulsar o turismo de negocios na cidade.

martes, 26 out 2010
1288097816Expogalaecia.JPG
Santi Domínguez destacou que detrás da iniciativa privada teñen que estar as institucións para potenciar o sector turístico, "que cada ano ten máis peso na cidade", apuntou ao lembrar que ocupa o terceiro posto na economía viguesa. Ao respecto salientou o labor que está desenvolvendo o Vigo Convention Bureau dende a súa creación, que ten por obxectivo promocionar Vigo como sede para a celebración de congresos e todo tipo de eventos que acheguen visitantes e turistas á cidade, favorecendo así a desestacionalización.

O tenente de alcalde asegurou que ese labor do Convention Bureau xa deu froitos coa consecución de varios congresos e feiras. "En pouco tempo fíxose un traballo moi importante e hai que seguir traballando neste camiño", asegurou o nacionalista.

"Dende a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Turismo estamos empeñados na desestacionalización do turismo, a través do turismo de negocios e congresos", afirmou Santi Domínguez. Nesta liña mencionou tamén o Plan de Competitividade Turística, posto en marcha coa implicación da Xunta e Turespaña "Hai que seguir apostando pola colaboración para seguir crecendo no sector turístico", comentou ao respecto.

O Vigo Convention Bureau contará cun expositor na feira Expogalaecia no que o venres 29 de outubro se desenvolverán unhas xornadas técnicas sobre o turismo de negocios. Nelas participarán expertos no sector que analizarán as posibilidades de dinamización a través do turismo de negocios así como as posibilidades que abre a utilización das novas tecnoloxías.

Vigoferia e Expogalaecia reunirán no Ifevi a máis de 250 expositores, cifra que representa un aumento do 5% na participación de empresas e entidades, entre as que destaca a presenza de participantes portugueses. O horario de ambos salóns será de 11 a 21 horas de forma ininterrumpida e o prezo da entrada xeral será de 4 euros; os xubilados e os desempregados pagarán 2 euros e os menores de 14 anos entrarán de balde.

Paralelamente á celebración de Expogalaecia terá lugar a Bolsa de Contratación Turística, "Workshop", que o 29 de outubro reunirá a touroperadores e axencias de viaxes de Bélxica, Portugal, Francia e España. Este encontro permitirá promocionar Galiza como destino turístico no estranxeiro e servirá como ferramenta de intercambio entre os catro países participantes.
Descargar todas as imaxes