Escoitar

Santi Domínguez afirma que o traballo na loita contra a exclusión social será máis efectivo co proxecto Redess

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Benestar Social, María Méndez, inauguraron este venres a xornada "Mecanismos da exclusión social e traballo en rede" do proxecto Redess, coa asistencia das entidades e profesionais que traballan no eido da exclusión social severa na nosa cidade. O nacionalista asegurou que esta xornada, na que participou como ponente o xefe de departamento de Sámur Social e Persoas sen fogar do Concello de Madrid, Darío Pérez, permitirá que o traballo neste ámbito sexa "máis efectivo".

venres, 22 out 2010
1287752903redes.JPG
Tras agradecer a asistencia ao acto, Santi Domínguez dixo que quería facer a súa intervención dende "o que realmente sinto e penso", ao atoparse diante de persoas que fan o seu labor "dende a xenerosidade e a convicción de que unha vida distinta é posible". Segundo defendeu o tenente de alcalde, as persoas participantes na xornada dan unha "lección no día a día que non se aprende na universidade nin nos plenos, senón que se aprende na vida".

"Cando falamos de exclusión social teño dúbidas sobre si os políticos somos capaces de dar resposta á nosa sociedade", manifestou o nacionalista. Engadiu que as dúbidas tamén se refiren a que é preciso ser "máis valentes" e si "realmente priorizamos o que deberiamos". Porén confesou sentirse máis tranquilo ao ver que o apoio que desde a Tenencia de Alcaldía e Concellería de Benestar se lle presta ás entidades sociais "chega ás persoas e ao ver que detrás da acción política hai algo máis importante que é a calidade humana que vós poñedes no voso traballo".
O tenente de alcalde pediu desculpas polas veces que dende o ámbito político "non somos quen de dar resposta ás demandas", pero asegurou que a xornada de formación que hoxe se celebra permite que o traballo que desenvolven "sexa máis efectivo". A ese respecto, dixo que vai ser fundamental o proxecto Redess, que ten como principal obxectivo coordinar o traballo de todas as entidades que traballan no eido da exclusión social.

Santi Domínguez felicitou á concelleira de Benestar Social, María Méndez, "por ser a persoa que todos os días nos recorda que hai que traballar polas persoas", ao ponente Darío Pérez, "unha auténtica eminencia nestes temas", e ao equipo da Concellería de Benestar Social organizador da xornada.

María Méndez comentou que no inicio da lexislatura, os concelleiros e concelleiras nacionalistas tiveron a oportunidade de elixir outras concellerías centradas en "poñer bonitas as rúas ou facer parques infantís", pero asegurou que no seu momento escolleron a Concellería Benestar Social "porque no BNG temos a vontade política de transformar a cidade comezando por onde debería comezar, que é mellorando a calidade de vida das persoas máis desfavorecidas", explicou.

A concelleira fixo referencia ás súas visitas aos comedores sociais, cando no inicio trasladábanlle a necesidade de "facer o servizo en rede", suxestión que hoxe xa está en marcha. "Se por casualidade nun futuro non estiveramos aquí, seguide traballando por esto e obrigade aos políticos para que sigan traballando neste tema porque non hai cidade fermosa se hai xente que sigue durmindo na rúa", alentou María Méndez. Neste sentido, manifestou o seu compromiso de seguir traballando para que Vigo conte cun albergue, así como para cando menos manter o orzamento dos convenios que anualmente asina coas entidades sociais.
Descargar todas as imaxes