Escoitar

Tenencia e Benestar destinan 70.000 euros para dous proxectos de cooperación en Mozambique e Cabo Verde

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Benestar Social, María Méndez, asinaron dous convenios de colaboración co presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedadel, Alfredo Novoa, para desenvolver dous proxectos en Mozambique e Cabo Verde cun importe de de 70.000 euros. O nacionalista afirmou que este convenio amosa que o Concello de Vigo "segue fiel ao seu compromiso solidario para desenvolver programas coas persoas máis necesitadas e menos favorecidas" xa que nos últimos tres anos duplicouse as partidas destinadas á cooperación.

xoves, 21 out 2010
1287667353Convenios.JPG
Santi Domínguez destacou que o Concello de Vigo "foi pioneiro" no establecemento de que as axudas ao Terceiro Mundo se coordinaran a través do Fondo Galego de Cooperación. As axudas que hai anos se concedían de forma dispersa "agora, a través do Fondo Galego pódese chegar a máis sitios".

O nacionalista manifestou o seu desacordo coas persoas que en época de crise pensan que non son prioritarias as axudas aos países empobrecidos. "Quen así fala ten conciencia enganosa porque estes países, se están nesa situación empobrecida, moitas veces é por culpa dos países ricos", dixo. En consecuencia, asegurou que é "unha obriga afrontar esta axuda solidaria como nós a demandariamos se estiveramos nesa situación".

Como mostra deste compromiso das áreas do BNG que coordina a Tenencia de Alcaldía, Santi Domínguez mencionou o incremento das partidas de colaboración co Fondo Galego de Cooperación. "Nestes tres anos duplicamos a partida que deixou o anterior goberno do PP ata chegar a 115.000 euros", destacou.

O tenente de alcalde salientou que ademais do apoio ao desenvolvemento "tamén traballamos na nosa casa" poñendo en marcha proxectos como o Plan de Inmigración ou a Guía de Recursos, que teñen o obxectivo de "potenciar a integración na nosa cidade".

"Vigo é a cidade que máis aporta a proxectos de cooperación internacional", asegurou o presidente do Fondo Galego de Cooperación. Alfredo Novoa salientou ademais que o Concello de Vigo "cumpriu dende o principio o seu compromiso de canalizar as axudas á cooperación a través do Fondo".

Explicou que o proxecto que se levará a cabo en Mozambique é unha "nova intervención plurianual que se desenvolverá con Nacións Unidas" na que cada entidade colaboradora fai unha achega 15.000 euros ata financiar a totalidade do programa, 100.000 euros. Respecto ao proxecto que se executará en Cabo Verde, sinalou que o Concello de Vigo achega 55.000 euros que segundo sinalou a concelleira de Benestar Social se destinarán a rehabilitar 22 vivendas, con traballos que consisten na instalación de baños e cociñas e o arranxo de fachadas. "Con este proxecto elevaremos o nivel de vida de 155 persoas", subliñou María Méndez.

Alfredo Novoa criticou a redución da achega da Xunta, "que non chega agora nin ao 0,1%, moi lonxe do mítico O,7%". Neste sentido, a concelleira de Benestar Social dixo sentir "mágoa" por que a Xunta reducira en máis dun 50% o investimento no Fondo Galego de Cooperación. Apuntou que co anterior goberno estaba cifrado en case un millón de euros mentres que o actual se sitúa entre os 200.000 e os 300.000 euros, o cal considerou que "é pouco tendo en conta as necesidades que hai".

María Méndez expresou o compromiso de que o Concello de Vigo non reducirá "nin un euro" a achega á cooperación internacional. Precisou que neste contexto de crise "non o podemos aumentar, pero as partidas están blindadas para evitar que se reduzan". Segundo a concelleira, pese a que Galiza sigue sendo a última comunidade en cooperación, "Vigo non quere estar á cola".

"Énchesenos a boca falando de benestar e de mellora de calidade de vida pero isto non é posible aquí se non melloramos a calidade de vida nos países empobrecidos", criticou a concelleira de Benestar Social. Sinalou que para desenvolver estes proxectos, aos 70.000 euros que o Concello de Vigo destina ao Fondo Galego de Cooperación hai que sumar 30.000 euros que concede ás ONG que traballan no eido da cooperación internacional "para sensibilizar á poboación viguesa", indicou.
Descargar todas as imaxes