Escoitar

Benestar Social crea o Proxecto Redess de exclusión social, que celebrará o venres a primeira xornada de formación

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, anunciou este mércores a posta en marcha do Proxecto Redess, en colaboración coa Tenencia de Alcaldía, que o venres celebrará a súa primeira xornada de formación. A concelleira do BNG destacou que o obxectivo desta iniciativa é "coordinar o traballo de todas as entidades que traballan no eido da exclusión social severa en Vigo".

mércores, 20 out 2010
1287579320Redes.JPG
María Méndez explicou que son moitas as organizacións e asociacións que traballan neste ámbito, entre as que citou Afán, Emaús, Comedor da Esperanza, entre outras, "que traballan en xeral pola súa conta". Asegurou que ao chegar á Concellería de Benestar Social todas as entidades "se queixaban do mesmo, que é a falta de coordinación" e por iso quixo darlle resposta.

A concelleira sinalou que esa situación era un "totum revolutum no que cada un traballaba independentemente", polo que segundo afirmou do que se trata coa posta en marcha do Proxecto Redess é de "coordinar recursos e crear sinerxias contando coa cidadanía e as entidades para conseguir benestar e máis calidade de vida". Explicou que para garantir esa coordinación o Concello xa puxo a disposición unha persoa. María Méndez fixo referencia a unha visita que recentemente realizou ao comedor A Sal da Terra e indicou que os seus responsables transmitíronlle a súa satisfacción "porque xa puideron derivar a distintas persoas a outras entidades".

Por outra banda, María Méndez destacou que as diferentes entidades que traballan no eido da exclusión social severa "ademais de coordinación e colaboración é preciso darlles formación". Ao respecto anunciou a celebración dunha xornada, que terá lugar o vindeiro venres, 22 de outubro, de 10 a 14 horas, no auditorio do edifició municipal do Areal.

"Temos a honra de que veña a falar unha das persoas que máis sabe da exclusión social", afirmou a concelleira nacionalista en relación ao ponente Darío Pérez, que é xefe de departamento de Sámur Social e Persoas sen fogar do Concello de Madrid, e que falará sobre "O traballo en rede como un modelo de resposta compartido ante situacións de gran exclusión".

María Méndez sinalou que posteriormente terá lugar unha mesa redonda na que estarán representadas diversas entidades, como Emaús Fundación Social, representada por Juncal Blanco; Médicos do Mundo, representada por Teresa García; e Silvia Montes, da Asociación Vida Digna. Indicou que a xornada tamén contará coa xefa do servizo de Benestar Social, Paz Fernández. As persoas destinatarias da xornada son os estudantes e profesionais do sector social, persoal directivo, voluntariado e colaboradores de entidades públicas e privadas que traballan no eido da exclusión social severa.

A concelleira nacionalista sinalou finalmente que o proxecto Redess se enmarca na conmemoración neste ano 2010 como Ano europeo de loita contra a pobreza e a exclusión social. Con esta designación, "quérese facer visible que o 17% dos europeos e europeas carecen dos recursos necesarios para cubrir as necesidades básicas, cifra que en Galiza chega probablemete ao 21%", manifestou.
Descargar todas as imaxes