Escoitar

O tenente de alcalde pon en valor o labor da Asociación Parkinson Vigo no seu sétimo aniversario

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, salientou hoxe o "impagable" labor que desenvolve o Asociación Parkinson Vigo, que celebrou hoxe o seu sétimo aniversario. No acto de inauguración da xornada, no que tamén participou a concelleira de Benestar Social, o nacionalista dixo que "foron sete ano de solidariedade, de entrega e de vencer a soidade que xera unha enfermidade que no fai que nos afastemos da xente que nos rodea".

martes, 19 out 2010
1287492698parkinson.JPG
Santi Domínguez quixo felicitar aos integrantes da asociación polo traballo que fan para que sexa realidade o lema co que se celebrou a xornada "Se tes parkinson non o vivas só". O tenente de alcalde sinalou que tan importante é loitar contra esta enfermidade, como facer que tanto as persoas afectadas como as súas familias "sintan que están arroupados".

O tenente de alcalde afirmou que desde a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Benestar Social manterase o apoio a este colectivo, "porque é a nosa obriga estar ao carón das persoas que necesitan axuda e fomentar a igualdade de oportunidades". Santi Domínguez recolleu tamén a demanda dun local social que fixo o presidente da asociación, Manuel Riopa, e dixo que "nun futuro, que agardo que sexa o menor posible, teñades ese local".

Pola súa banda a concelleira de Benestar Social, María Méndez, sinalou que ao longo destes sete anos a Asociación Parkinson Vigo "tivo unha preocupación constante por cada un de vós, enfermos e familiares" e por iso gabou o gran labor que desenvolven.

María Méndez cifrou o número de persoas afectadas de Parkinson en Vigo entre 500 e 600. Sen embargo, quixo facer tamén un chamamento a esperanza, xa que, segundo dixo, estase avanzando moito na investigación para combater esta enfermidade. "Confío en que o futuro sexa un mellor e ese futuro mellor estádelo facendo todos e todas vós", dixo en relación ao importante papel que realizan as asociacións deste tipo.
Descargar todas as imaxes