Escoitar

Santi Domínguez salienta que o Concurso de Tapas permite comprobar o esforzo pola recuperación do Casco Vello

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, visitou hoxe a degustación gratuíta do Concurso de Tapas do Casco Vello, na que se distribuíron un total de 3.000 pinchos. O nacionalista salientou que esta iniciativa "permite comprobar o esforzo que estamos a facer por reconquistar o Casco Vello", por parte das diferentes áreas do BNG no goberno, así como a veciñanza e os comerciantes do barrio histórico.

martes, 19 out 2010
1287492918tapas.jpg
"Gústame que a xente estea cada vez máis no Casco Vello para que ao fin poidamos dicir que está recuperado", asegurou Santi Domínguez durante a visita, na que tamén participaron os concelleiros de Cultura, Xesus López, e Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, e a presidenta e o xerente do Centro Comercial Aberto Vigo Vello, Itos Domínguez e Anxo Méndez, respectivamente.

Para o tenente de alcalde, esta quinta edición do Concurso de Tapas, na que participan 18 establecementos, é unha boa ocasión "para dicirlle á cidadanía que se achegue ao Casco Vello". Ata o 31 de outubro é posible degustar as tapas, a 1,50 euros a ración, no restaurante A Coruxa, a crepería Cre-Cotté, Lume de Carozo, A Pita Tola, o Bar Chavolas, o restaurante La Carbonara, Fame Nejra, Dona Vaniri, XII, Buena Vida, Picadillo, a marisquería Bahía, Don Mexilón, Galiana, Retranca, na vinoteca A Laxe, Sokoke e Baraka.

O nacionalista subliñou que dende as áreas que coordina a Tenencia de Alcaldía seguiranse desenvolvendo actuacións para revitalizar o barrio histórico de Vigo, e neste sentido mencionou que se intensificarán as actuacións de rúa, como a Feira de Artesanía que se celebra os primeiros domingos de cada mes no Paseo de Alfonso. Segundo manifestou, a recuperación do Casco Vello é "un compromiso persoal co que non vou parar".

En resposta ás preguntas dos medios sobre a posibilidade de reinstaurar o tráfico de dobre sentido na Porta do Sol para acceder ao aparcamento de Policarpo Sanz, o tenente de alcalde considerou que esta postura é "un contrasentido". "Que sentido ten construír un aparcamento disuasorio na entrada do Casco Vello ao mesmo tempo que queremos meter máis tráfico", comentou Santi Domínguez ao respecto.

O nacionalista recoñeceu que entende os intereses da empresa concesionaria pero sinalou que ten unha postura "equivocada", xa que ao seu xuízo o ordenamento do tráfico será máis beneficiosa para ela se o aparcamento é "disuasorio". "Dígolle á xente que lembre como era a Porta do Sol co tráfico de dobre sentido e como é agora", manifestou.
Descargar todas as imaxes