Escoitar

Iolanda Veloso anima a participar nas Xornadas de Mulleres Veciñais que se celebrarán os días 28 e 29 de outubro

A concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso, presentou este martes unha nova edición das Xornadas de Mulleres Veciñais, organizadas en colaboración coa Federación Veciñal, e que terán lugar os días 28 e 29 de outubro, de 16 a 20 horas, no hotel Coia. Na presentación das Xornadas, que se desenvolverán baixo o título "Educación, familia e igualdade", tamén participaron a presidenta da Federación, María Pérez, e a vogal de Muller, Ana Pérez.

martes, 19 out 2010
1287492584Mulleres.JPG
Iolanda Veloso destacou que pese aos cambios experimentados ultimamente pola Federación Veciñal, "quíxose garantir a celebración das Xornadas, porque constitúen un referente para as mulleres da cidade". Neste sentido, felicitou á Federación "polo seu esforzo" para organizalas.

A presidenta da Federación Veciñal agradeceu á Concellería de Igualdade o seu apoio para a celebración do evento e asegurou que a FAVEC "quere avanzar no eido reivindicativo", nomeadamente no ámbito da muller, "sen que a crise dificulte este traballo", matizou María Pérez.

A vogal de Muller de FAVEC fixo referencia ao programa, que comezará o xoves 28 de outubro ás 16:15 horas coa presentación das Xornadas, unha mesa redonda e catro obradoiros, "Os cambios vitais nas mulleres" impartido pola doutora en psicoloxía María Lameiras; "Iamos a ser raíñas. A relación entre as nais e as fillas", que impartirá a psicóloga clínica Pilar González García; "Meu papá tamén me mima. Paternidade responsábel", pola responsable da Plataforma por Permisos Iguais e Intransferibles de Nacemento e Adopción, Monse Vilar Figueirido; e "Así planchaba, así, así. Os xogos e os xoguetes sexistas", a cargo da profesora de Primaria, Marisa Iglesias.

A partir das 19 horas desenvolveranse outros catro obradoiros. O primeiro será "Eu quero ser. Orientación profesional desde a perspectiva de xénero", impartido pola experta en Xénero Emma Casal. O seguinte será "As mozas son blogueras. As novas tecnoloxías como axentes educadores na familia", a cargo da doutora sobre estudos da Muller da Universidade de Valencia Monse Vilar. Posteriormente celebrarase "Quero, sinto, penso. Asertividade e linguaxe", que impartirá a experta en xénero Emma Teixeira. Finalmente, o programa do xoves rematará con "Iamos ser raíñas. Como educan os contos infantís", a cargo da psicóloga clínica Pilar González.

O venres, 29 de outubro, ás 18.30 horas terá lugar a posta en común por parte das asistentes e a clausura das Xornadas, que rematará coa actuación da actriz galega Clara Gayo, ás 19.30 horas que interpretará o seu espectáculo teatral "Estrés".
Descargar todas as imaxes