Escoitar

Santos Héctor salienta que o programa Vigo Medio Natural superou as previsións de formación en materia medioambiental

O concelleiro de Promoción Económica e Emprego fixo este martes balance desta iniciativa municipal, en colaboración coa Fundación Biodiversidade, dirixida á formación medioambiental de empresas e traballadores en activo principalmente de pequenas empresas e autónomos. As accións realizadas durante os dous anos de desenvolvemento do programa incluíron asesoramento, unha campaña de boas prácticas ambientais e un observatorio sobre emprego e medioambiente.

martes, 19 out 2010
1287493455santos.jpg
O concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Santos Héctor, afirmou este martes estar "moi satisfeito" polo resultado do programa Vigo Medio Natural, que conclúe este mes de outubro superando as previsións iniciais de formación e asesoramento ambiental.

Segundo explicou o edil, esta iniciativa deu comezo en outubro de 2008 e finaliza cumprindo os obxectivos de fomentar a empregabilidade a traverso da conservación do entorno, polo que o Concello optará o vindeiro ano na Fundación Biodiversidade cun novo proxecto. O programa incluía sete accións dirixidas de asesoramento e información a empresas e formación específica a micropemes, pequenas e medianas empresas e autónomos en activo.

En canto á formación a traballadores, superouse o obxectivo establecido ao inicio de 80 formando a 90 empregados, con cursos de educación medioambiental, traballadores forestais e monitores de actividades deportivas ao aire libre.

A segunda acción ía dirixida ao asesoramento ambiental nas empresas, novamente sobrepasando as previsións iniciais de 600 persoas e 50 compañías, xa que deu cobertura a 690 traballadores de 52 empresas. A temática neste apartado abranguou a xestión de residuos, a normativa ambiental vixente, a eficiencia enerxética e os sistemas de xestión ambiental, entre outras; e atendeu a persoal activo en sectores como a construcción, os talleres ou supermercados.

A Concellería de Promoción Económica e Emprego desenvolveu como terceira medida unha campaña de difusión do manual de boas prácticas ambientais, cun obxectivo de facer entrega de 5.000 exemplares. Santos Héctor avanzou que xa se distribuíron 4.600 e o seu departamento conta con 500 pedidos máis.

A cuarta acción foi a elaboración dunha guía para adaptar as empresas á normativa ambiental, e a quinta consistiu nun estudo que determina os perfís profesionais necesarios no sector medioambiental, orientado prioritariamente á creación de emprego dos colectivos con dificultades de inserción laboral e dos que se entregaron 1.500 unidades.

O departamento que dirixe o socialista tamén creou un observatorio sobre emprego e medioambiente, coa publicación dun boletín periódico xa editado no mes de xullo e que verá a luz nunha segunda edición en próximos días.

A última acción desenvolvida supuxo a realización dunha xornada medioambiental de difusión do programa, dos seus obxectivos e do resultado do mesmo, celebrado fai algunhas semanas.
Descargar todas as imaxes