Escoitar

O tenente de alcalde destaca a importancia da formación dos mestres na prevención das drogodependencias

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, salientou este luns a importancia de que os mestres e mestras conten cunha formación específica para "dar resposta aos novos retos que presenta a educación na actualidade" no eido da prevención das drogodependencias. Afirmouno na visita que realizou xunta á concelleira María Méndez a un dos cursos de formación que impulsa a Concellería de Benestar Social dentro do plan de prevención das drogodependencias e que se desenvolve na Escola de Maxisterio.

luns, 18 out 2010
1287406044Curso.JPG
Neste programa, destinado á formación de mediadores para á prevención, participan alumnos e alumnas de 2º de Maxisterio. Na visita, o tenente de alcalde dirixiuse a eles asegurándolles que no seu traballo, "non so vai ser importante impartir clase, senón que tamén van ser referentes para os nenos e as nenas", polo que manifestou a súa confianza en que "ademais de instrutores sexan educadores".

Sinalou que para desenvolver esta faceta de educadores o programa no que participan lproporcionaralles "recursos e estratexias de actuación en situacións de risco", entre as que citou desautorizacións, violencia, desarraigo, abstinencia escolar ou uso inadecuado das novas tecnoloxías, entre outras.

O tenente de alcalde salientou que este curso destinado ao alumnado de Maxisterio forma parte do conxunto de programas de prevención que desenvolve a Concellería de Benestar Social e que o ano pasado chegou a un total de 10.300 persoas entre alumnos e alumnas, docentes e pais e nais.

"Este programa é unha clara aposta da Tenencia de Alcaldía e da Concellería de Benestar Social pola prevención das drogodependencias como elemento fundamental para mellorar a calidade de vida da sociedade", afirmou Santi Domínguez. Agradeceu tamén a Érguete o "traballo que desenvolve neste campo", así como á Escola de Maxisterio "por formar aos alumnos e alumnas no eido da prevención das drogodependencias".

María Méndez, na súa intervención, asegurou que o programa de prevención é un dos eixos "máis importantes da Concellería de Benestar Social", polo que agradeceu á Escola de Maxisterio a súa implicación. Salientou a importancia da "educación en valores" e que os novos profesores "saiban como enfrontar os novos problemas".
Descargar todas as imaxes