Escoitar

Xabier Alonso recolle hoxe venres o Premio Galicia á Xestión Deportiva concedido pola organización do Foro Mundial FISU

O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, recollerá esta noite o Premio Galicia á Xestión Deportiva concedido ao Concello de Vigo pola organización do Foro Mundial FISU que se celebrou na cidade no pasado mes de xuño. O galardón foi concedido por unanimidade polo xurado dos I Premios Galicia á Xestión Deportiva da Asociación Galega de Xestores Deportivos, que presidiu Eduardo Blanco Pereira e que distingue ás persoas é entidades que teñen destacado pola súa contribución ao desenvolvemento e excelencia da xestión deportiva en Galicia.

venres, 15 out 2010
No premio ao Concello de Vigo o xurado valorou nomeadamente aspectos como a organización, calidade e proxección que tivo a cidade durante o X Foro Mundial FISU, celebrado do 21 ao 26 de xuño e no que participaron 280 estudantes e representantes dos sistemas deportivos universitarios de 71 países.

O Premio Galicia á Xestión Deportiva recoñece o contexto deportivo como o marco ideal para promocionar os valores sociais e educativos ante a mocidade e refrenda que o deporte debe ter continuidade na etapa universitaria e estar presente en todos os plans estratéxicos das universidades, como puxo de manifesto o congreso internacional do deporte universitario.

Xunto ao Concello de Vigo tamén foron premiados pola Asociación Galega de Xestores Deportivos a presidenta da Federación Galega de Taekwondo, Merce Barrientos, na categoría de mellor xestor deportivo; Begano como mellor patrocinio deportivo, a Deputación de Ourense como mellor entidade pública; o Club Fluvial de Lugo e a Fundación Rías do Sor, na categoría de mellor entidade privada; e o Concello de Abegondo como mellor municipio de menos de 15.000 habitantes.
Este premio únese ao concedido polo Consejo Superior de Deportes este mesmo ano. Este galardón supón un recoñecemento ao labor desenvolvido pola Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Deportes a prol do deporte. Recoñece expresamente o traballo global realizado durante o 2009 na organización de eventos, no apoio directo aos clubs e no fomento do seu asociacionismo para afrontar os problemas de forma colectiva, na construción dun mellor tecido en infraestruturas deportivas e na súa adaptación ao medio ambiente.