Escoitar

O alcalde asegura para este ano a licitación da estación do AVE de Urzáiz, cun investimento total de 220 millóns

Tras reunirse con responsables do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), Caballero avanzou que antes de rematar o ano sairá a licitación a cuberta da estación ferroviaria e o proxecto de cooperación público-privada da estación. Ambas partes, unidas á xa contratada, suman 220 millóns de euros. O alcalde indicou que agarda a confirmación de Mayne para que o arquitecto presente o seu proxecto arquitectónico en Vigo o 10 de xaneiro.

xoves, 14 out 2010
1287059985adif.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, confirmou para este ano a saída a licitación da nova estación ferroviaria de Urzáiz que acollerá a Alta Velocidade, na que ADIF -dependente do Ministerio de Fomento- investirá un total de 220 millóns de euros.

Caballero reuniuse co director xeral de ADIF, Miguel Ángel Campos, co seu director rexional de Galicia, Ricardo Rodríguez, e co director de estacións de España, Carlos Ventura, para pasar revisión ao estado de tramitación da futura estación do AVE de Vigo, en Urzáiz. "Hoxe concretouse todo o calendario da estación do AVE", afirmou.

Segundo explicou o rexedor, o proxecto consta de tres partes diferenciadas: a ferroviaria -a que afecta ás vias e á estación propiamente dita-, a cuberta da mesma e a zona comercial e arquitectónica que deseña o Thom Mayne e para a que acudirase á cooperación público-privada.

A primeira parte xa está contratada por valor de 74,5 millóns, e a segunda e a terceira sairán a licitación antes de rematar 2010, por valor de 25 millóns e 120 millóns respectivamente. En total, uns 220 millóns de euros como afirmara o ministro de Fomento a pasada fin de semana na súa visita a Vigo.

Abel Caballero indicou que as fases acometeranse "no tempo técnicamente máis breve posible" a agradeceu a José Blanco que o Ministerio de Fomento, a través de ADIF, se encargue de todo o proxecto da estación viguesa, unha fórmula "atípica".

Mayne
En declaracións aos medios, o alcalde aseverou que contactara este mesmo xoves co prestixioso arquitecto encargado do deseño da estación de Urzáiz, Thom Mayne, para proporlle que presente en Vigo o seu proxecto o próximo 10 de xaneiro, a falta de coordinar as axendas.

Guixar
Por outra banda, Caballero avanzou que a estación de cercanías de Guixar -que operará ademais como estación provisional de Vigo namentres se constrúa a nova de Urzáiz- está próxima á súa finalización. "Continúa cos prazos previstos", apuntou o socialista, e estará lista "en poucos meses".

De cara á súa entrada en funcionamento, e para poder derrubar a actual terminal, estase a deseñar o traslado técnico dos talleres para poder operar en Guixar.
Descargar todas as imaxes