Escoitar

Santi Domínguez anuncia que a Praza da Princesa acollerá o sábado unha mostra e unha charla polo Día Mundial do Pan

O tenente de alcalde e concelleiro de Comercio, Santi Domínguez, presentou hoxe as actividades que o vindeiro sábado 16 de outubro acollerá a Praza da Princesa con motivo do Día Mundial do Pan, que incluirán unha exposición de diferentes tipos de pan, degustacións e unha charla a cargo da experta nutricionista Carolina Nebot. Segundo o nacionalista, o obxectivo desta convocatoria é potenciar o consumo deste produto, pero tamén amosar o apoio ao sector das panaderías, que en Vigo e a súa área suman 248 establecementos.

xoves, 14 out 2010
1287060116Pan.JPG
"Dende a Concellería de Comercio quixemos colaborar activamente coa celebración do Día Mundial do Pan", manifestou Santi Domínguez na presentación das actividades, na que tamén participaron o presidente da Asociación Provincial de Industrias de Panificación (Aproinpa), José Carlos Gargamala, e o xerente, Luis Rey.

O tenente de alcalde salientou os beneficios nutricionais do pan, pero tamén expresou a súa preocupación polo mantemento e afianzamento do sector panadeiro na situación de crise actual. Ademais, mencionou o contraste que existe entre os datos sobre o descenso do consumo deste produto e o incremento dos casos de obesidade infantil, "consecuencia dunha dieta non equilibrada", apuntou.

Santi Domínguez felicitou a Aproinpa "polo traballo que desenvolve para vertebrar ao sector panadeiro" e asegurou que é preciso que o consumo de pan se xeneralice "polo ben da saúde". O presidente desta asociación provincial expresou o seu agradecemento ao Concello de Vigo e nomeadamente ao tenente de alcalde "pola axuda prestada" para organizar os eventos polo Día Mundial do Pan.

O xerente de Aproinpa manifestou a preocupación da entidade polo forte descenso de consumo de pan e sinalou que Galiza, Valencia e Madrid son as tres comunidades nas que esta redución é máis forte, especialmente nos últimos tres anos. Indicou que na actualidade, o consumo de pan por habitante e ano en Galiza é de 50,8 kilos.

"Non pode ser que a maioría de nenos e nenas en idade escolar padezan obesidade infantil, producida polo consumo de alimentos industriais", alertou Luis Rey. Segundo asegurou, dende Aproinpa tratan de paliar o descenso de consumo de pan "polo ben dos nenos e as nenas".
Descargar todas as imaxes