Escoitar

O tenente de alcalde anuncia que en decembro comezará a construción do pavillón de Candeán e o Centro de Fotografía

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, manifestou este xoves a súa satisfacción porque o BNG "segue cumprindo os seus compromisos electorais" coa aprobación na Xunta de Goberno de hoxe das licitacións para a construción do polideportivo de Candeán e do Centro Galego de Fotografía, cun investimento global superior aos 3,3 millóns de euros. O nacionalista anunciou que as obras destas dúas actuacións emblemáticas comezarán no mes de decembro.

xoves, 14 out 2010
1287060151Rolda.JPG
Santi Domínguez explicou que a parroquia de Candeán viña demandando dende hai anos un polideportivo, polo que ao seu xuízo, coa aprobación hoxe da súa construción mantense a política do BNG de traballar para dar resposta ás necesidades da cidadanía. Explicou que o investimento aprobado ascende a 2,3 millóns de euros e o inicio dos trámites para a licitación das obras permitirá que a principios de decembro se poidan poñer "as primeiras pedras".

O novo pavillón de Candeán, de 2.230 metros cadrados construídos, situarase ao carón das instalacións da Asociación Veciñal, e terá tamén unha área deportiva exterior de 2.200 metros cadrados, tal e como demandaron os veciños e veciñas. Terá unha capacidade para 270 espectadores. A planta baixa acollerá a pista polideportiva, de 45 x 25 metros, 4 vestiarios de equipos, 4 vestiarios de árbitros, 4 aseos e unha oficina, así como o ximnasio, de 140 metros cadrados. O polideportivo aberto, pola súa banda, contará cunha área de xogos tradicionais, outra destinada á práctica de baloncesto e fútbol sala e outra de lecer.

No tocante ao Centro Galego de Fotografía, o tenente de alcalde sinalou que o proceso construtivo foi aprobado por un importe dun millón de euros, de xeito que as obras tamén poderán comezar no mes de decembro. "Con este investimento seguimos pulando polo Casco Vello e para que os vigueses e as viguesas poidan contemplar o importante legado fotográfico da cidade", destacou.

Este novo centro cultural, que se construirá na rúa Chao, terá máis de 1.252 metros cadrados construídos, que se distribuirán en 4 andares. Na planta baixa irá o control de acceso, a administración, unha tenda e unha sala expositiva. Na planta soto estarán os aseos, a área de restauración e outra sala expositiva, que estará unida por unha escaleira a sala anterior, de xeito que permitirá realizar un uso independente destas dependencias do resto do edificio.

A primeira planta albergará a terceira sala expositiva, que tamén se poderá utilizar como sala de conferencias, a área de dirección e a biblioteca e zona de investigación. Finalmente, a segunda planta estará destinada ao mantemento e arquivo. O Centro Galego de Fotografía albergará as coleccións fotográficas europeas máis salientables e nel poderanse ver os arquivos Pacheco e Ksado, así como as imaxes das diversas Fotobienais celebradas en Vigo, nas que están representados os mellores fotógrafos internacionais.
Descargar todas as imaxes