Escoitar

Iolanda Veloso di que o programa Empatía busca fomentar a igualdade coa implicación de toda a comunidade educativa

A concelleira de Igualdade e Xuventude, Iolanda Veloso, presentou este mércores a segunda edición do programa Empatía, que o ano pasado chegou a 761 alumnos e alumnas e 15 profesores e profesoras. Segundo a concelleira nacionalista, o proxecto ten o obxectivo de "fomentar a educación no valor da igualdade" mediante a participación de toda a comunidade educativa dos centros de ensino de Vigo de ESO e Bacharelato

mércores, 13 out 2010
1286972470Empatia.JPG
Iolanda Veloso explicou que unha "parte importante" do Plan de Igualdade do Concello de Vigo é o traballo no eido educativo, polo que a Concellería de Igualdade puxo en marcha hai dous anos o programa Empatía tendo en conta a situación específica do alumnado de ESO e Bacharelato, cando "os rapaces e rapazas teñen que construír a súa propia identidade e escoller os seus valores entre mensaxes moitas veces contraditorias", sinalou.

"A escola ten que xogar o papel cara á posibilidade de vivir nunha sociedade na que non haxa desigualdades e discriminación de xénero. Queremos que os rapaces e rapazas se constitúan en axentes de cambio da sociedade, fuxindo dos estereotipos", destacou a concelleira nacionalista.

Segundo explicou Iolanda Veloso, o programa inclúe catro módulos, dirixido cada un deles a cada ámbito da comunidade educativa, alumnado, profesorado, pais, nais e titores, e finalmente un módulo que inclúe obradoiros breves "axustados á duración das sesións escolares" e conferencias sobre cuestións como a violencia de xénero, o sexismo nos medios de comunicación ou as mulleres na ciencia.

Respecto ao módulo destinado ao alumnado, a concelleira de Igualdade, indicou que os contidos están "adaptados aos distintos cursos" que teñen o obxectivo de fomentar no alumnado actitudes igualitarias que melloren a actual situación de discriminación que sofren as mulleres na actualidade na nosa sociedade. Entre os temas incluídos, mencionou a discriminación social da muller, roles e estereotipos, a corresponsabilidade, as relacións amorosas na igualdade e os dereitos sexuais, entre outros.

No tocante ao módulo de traballo con nais, pais e titores, Iolanda Veloso destacou o papel da familia na construción da identidade de xénero, polo que sinalou que centrará o seu obxectivo en promover sentimentos, pensamentos, e condutas que podan axudar a nais e pais a desenvolver no seo familiar a cultura da igualdade mediante o exercicio da corresponsabilidade por parte dos membros da familia en función das súas necesidades e capacidades. A desigualdade no ámbito privado, os modelos familiares, a expresión dos sentimentos, a sexualidade e as actividades no tempo de lecer son algúns dos contidos temáticos deste apartado de Empatía.

"Pero tamén queremos ofrecer ferramentas ao profesorado para poder transmitir os valores da igualdade de xeito transversal", salientou a concelleira respecto ao módulo destinado ao profesorado. Os seus contidos inclúen sexo, xénero e sexismo, contidos e materiais escolares, a educación afectiva e sexual e a violencia na escola, así como recursos para o traballo no centro e no aula.

Na presentación desta nova edición do programa, que desenvolve conxuntamente as concellerías de Igualdade e Xuventude, Iolanda Veloso sinalou, en resposta aos medios, que esta semana comezará o envío de informacións aos centros de ensino de forma que a impartición dos cursos se realizará "en función das necesidades e posibilidades de cada centro".
Descargar todas as imaxes