Escoitar

O alcalde salienta que a nova terminal de Peinador "colma todas as necesidades" en infraestruturas aéreas da cidade

O ministro de Fomento, José Blanco, presidiu este luns o acto de colocación da primeira pedra da nova terminal do aeroporto de Vigo, cun orzamento de 56,5 millóns de euros. Xunto ao novo aparcamento, os investimentos en Peinador superan os 100 millóns de euros. Abel Caballero subliñou que as infraestruturas anheladas pola cidade estanse a convertir xa en "realidades", mentres que o ministro asegurou estar "traballando para potenciar o dinamismo que desprende Vigo e a súa área metropolitana".

luns, 11 out 2010
1286800020terminal.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, salientou este luns que a nova terminal do aeroporto de Peinador, que iniciou esta mañá as obras, "colma todas as necesidades" en materia de infraestruturas aeroportuarias da cidade.

O acto de colocación da primeira pedra da infraestrutura contou coa presenza do ministro de Fomento, José Blanco, ademáis do alcalde, Abel Caballero, do presidente de AENA, Juan Lema, da voceira socialista no Senado, Carmela Silva, do tenente de alcalde, Santi Domínguez, do deseñador da terminal, o arquitecto César Portela, do subdelegado do Goberno, Delfín Fernández, de varios concelleiros municipais e do presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, entre outros.

Blanco explicou que a futura terminal duplicará a superficie e a capacidade da actual. O proxecto do Ministerio contempla a ampliación e total remodelación do actual edificio, pasando dos 8.700 metros cadrados actuais aos 26.000 e preparando ao aeródromo vigués para acoller ata catro millóns de pasaxeiros anuais.

O investimento do Goberno de España na nova terminal de Peinador ascende a 56,5 millóns de euros, aos que súmanse os 51 millóns do novo aparcamento de 2.700 prazas en construcción, para acadar uns orzamentos no aeroporto de Vigo superiores aos 100 millóns de euros. O ministro recordou que a pasada semana abriuse ao público a primeira fase do estacionamento, 800 novas prazas que case que duplican as 879 hábiles ata entón.

José Blanco, na súa intervención en Peinador, afirmou que "estamos traballando para potenciar o dinamismo que desprende Vigo e a súa área metropolitana", mentres que Abel Caballero resaltou o "extraordinario" deseño da nova terminal que "satisfai" as necesidades olívicas en materia de infraestruturas aeroportuarias. O alcalde de Vigo subliñou que na cidade "non estamos a falar de proxectos senón de realidades" polo que recoñeceu o traballo do presidente de AENA e do ministro de Fomento.
Descargar todas as imaxes