Escoitar

Xesus López anuncia que o Auditorio Municipal acollerá o mércores e o xoves a estrea do espectáculo "Alicia & Alicia"

O concelleiro de Cultura, Xesus López, presentou este luns a nova actuación que terá lugar no Auditorio Municipal, dentro da programación municipal e estable das artes escénicas. Trátase da estrea do espectáculo de danza "Alicia & Alicia", que se representará o mércores 13 e o xoves 14 ás 21 horas, a cargo da compañía viguesa A Producións Artísticas.

luns, 11 out 2010
1286800432Estrea.JPG
"Estamos empeñados en que o Auditorio Municipal se converta na casa da danza en Vigo e esta actuación quere cumprir ese empeño", destacou o concelleiro nacionalista na presentación, na que tamén participaron a autora do texto, Paula Carbarlleira, o director da obra, Alfredo Rodríguez, e a actriz Anabel Gago. Xesus López lembrou que xa na inauguración deste espazo tras a súa remodelación fixera "especial fincapé na danza, e na nosa intención de mimala".

O concelleiro de Cultura explicou que o texto, que parte de "Alicia no país das maravillas", de Lewis Carrol, "especula coa idea de que Alicia podemos ser todos e todas". Ademais, convidou a asistir ao espectáculo, unha montaxe "dun proxecto empresarial da cidade como é A Producións Artísticas", subliñou.

Paula Carballeira sinalou que a universalidade do personaxe consiste en que "todos somos Alicia dunha ou outra maneira, xa que todos queremos cambiar a realidade ou ser rebeldes". Anabel Gago, pola súa banda, fixo referencia á creación do personaxe e explicou que Alicia atopou "un gran conflito e se somerxe no mundo do inconsciente".

O director da obra, Alfredo Rodríguez agradeceu a colaboración da Concellería de Cultura para poder desenvolver o proxecto, así como o museo Marco, e o Centro Cultural de Valadares. Salientou que é un proxecto "feito en Vigo cunha equipa artística da terra", xa que A Producións Artísticas é froito da unión das compañías Disque Danza e Factoría Teatro, polo que ten unhas sinais de identidade "moi de Vigo".
Descargar todas as imaxes