Escoitar

A Concellería de Educación inicia a segunda edición de Crea na Escola para fomentar a creatividade entre os escolares

A edil de Educación, Laura López Atrio, presentou este mércores xunto co coordinador do programa, o artista Mingos Teixeira, a segunda edición do Crea na Escola, unha iniciativa municipal para fomentar a creatividade mediante tres actividades: un certame de arte postal, outro de bandas deseñadas e unha mostra final de arte infantil. A concelleira, que avogou por "aprender a observar", indicou que na pasada edición presentáronse máis de 800 traballos procedentes de 71 centros educativos vigueses.

mércores, 20 out 2010
1287577730laura.jpg
A concelleira de Educación, Laura López Atrio, e o coordinador do programa, o pintor Mingos Teixeira, presentaron este mércores a segunda edición de Crea na Escola, unha iniciativa municipal para fomentar a creatividade entre a comunidade escolar.

En rolda de prensa, López Atrio defendeu coma un dos obxectivos desta acción -iniciada o pasado curso- "aprender a observar" e "achegar todas as axudas posibles para o ensino non regulado" cun programa que presenta unha "gran demanda e gran participación".

Segundo explicou a concelleira socialista, na primeira edición participaron alumnos e alumnas de 71 colexios de Vigo presentando un total de 811 traballos escolares a calquera das tres modalidades que completan Crea na Escola, é dicir, o certame postal, as bandas deseñadas e o arte infantil.

No primeiro trimestre do curso que recén comeza desenvolverase o certame de arte postal, na que os escolares deben elaborar postais coa temática de Vigo dentro de 200 anos, en relación ao Bicentenario da Cidade que cúmprese en 2010.

No segundo trimestre será o turno das bandas deseñadas, o cómic, con temática libre e máis dirixida aos rapaces e rapazas de educación secundaria. O coordinador do programa asegurou que "temos unha cidade moi creativa neste eido" e adiantou a celebración dunha mostra pictórica nos espazos da Alcaldía baixo esta temática.

E na parte final do curso celebrarase o certame de arte infantil, que recolle unha representación de todos os traballos artísticos realizados polos participantes ao longo de todo o ano escolar para elaborar unha mostra de arte. O pasado curso, a Concellería de Educación realizou un calendario con algúns destes traballos que foi distribuido entre os centros educativos de Vigo.

Mingos Teixeira tamén explicou que Crea na Escola inclúe unha parte didáctica dirixida á formación do profesorado, con material e unidades didácticas que permitan aos educadores potenciar a creatividade.
Descargar todas as imaxes