Escoitar

O Concello duplica a súa capacidade para controlar as colonias felinas na cidade

A concelleira de Medioambiente, Chus Lago, presidiu neste mércores o comité de seguemento do convenio de colaboración asinado coa Universidade, o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia, o Colexio Oficial de Veterinarios de Pontevedra e a Protectora de Animais e Prantas de Vigo para fomentar a esterilización e a salubridade dos núcleos con altas densidades de gatos

mércores, 20 out 2010
1287579939gatos.jpg
A concelleira de Medioambiente destacou na reunión que a campaña de control das colonias felinas na cidade "segue a bo ritmo", contabilizando en dous meses e medio preto de 120 gatos esterilizados. No transcurso do encontro abordouse a posibilidade de colaboración "totalmente desinteresada" de clínicas veterinarias privadas" que queren participar no proxecto e que será estudada polo comité de seguimento. A xuizo da concelleira isto revela o grao de interese e de implicación que está a espertar a campaña.

Tal e como apuntou a socialista Chus Lago a práctica de esterilización cirúrxica é a solución recomendada pola Organización Mundial da Saúde (OMS) para o control sanitario e demográfico nas colonias de gatos libres que viven nas cidades. De feito, Lago destacou que en moitas cidades do noso país, coma Valencia, Xixón ou Plasencia, así como en Europa, EEUU ou América Latina púxose en marcha a esterilización cirúrxica para femias e machos felinos e caninas, deixando resultados moi positivos; hai cidades como Rosario, en Arxentina, na que se acadaron crecementos de taxa cero, afirmou Lago.

Na reunión, na que participaron a concelleira, a decana da Facultade de Bioloxía de Vigo, Mª Cristina Arias; o presidente do Colexio Provincial de Veterinarios, Luis Núñez; a presidenta da Colexio de Biólogos de Galicia, Mercedes Casal; e a presidenta da Sociedade Protectora de Animais e Prantas de Vigo, Amparo Roger, coincidiuse nas vantaxes da esterilización polo equilibrio que xera. A estabilización do número de gatos a curto prazo, a redución dos problemas de comportamento vencellados co celo, un censado máis fácil dos animais, así coma o axeitado mantemento das colonias, excelentes controladores de pragas de roedores.

Neste sentido a concellería xa ten adoptado diversas medidas de asistencia, de control e sanitarias para manter o equilibrio global, co fin de reciclar as colonias que reúnan as características adecuadas en grupos de animais sans e integrados no entorno da nosa cidade, cunha inversión desde 2008 de máis de 80.000 euros.
Descargar todas as imaxes