Escoitar

Tenencia e Cultura apostan pola obra dos artistas vigueses coa inauguración hoxe xoves dunha exposición de Pedro Solveira

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e o concelleiro de Cultura, Xesus López, presentaron este xoves a nova exposición "Pedro Solveira. O que pasou e o que está por vir", que se poderá visitar na Casa das Artes dende hoxe e ata o 5 de decembro. Para Santi Domínguez, a inauguración hoxe desta mostra retrospectiva do artista vigués "é unha proba evidente do interese da Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Cultura de poñer en valor a obra da nosa xente".

xoves, 21 out 2010
1287667204Solveira.jpg
"Sen dúbida estamos ante unha das exposicións máis salientables de 2010 na nosa cidade. Estou certo de que esta mostra vai ser un dos grandes referentes culturais deste último tramo do ano", afirmou o nacionalista. Neste sentido, fixo un chamamento aos vigueses e viguesas "para que non deixen de adentrarse no mundo de Solveira", xa que asegurou de que será "unha viaxe apaixoante".

O tenente de alcalde explicou que a mostra retrospectiva está integrada por 131 obras, de forma que "permite coñecer como foi evoluíndo o artista dende as primeiras creacións que fixo no barrio de Teis ata o Solveira actual". Sinalou que dende os primeiros deseños para latas de conservas ata as creacións actuais, o artista "continúa sorprendéndonos coa súa capacidade para seguir innovando".

Para Santi Domínguez, esta continua innovación do artista fai que as súas obras non sexan "fáciles de inxerir en tendencias ou grupos". Ao seu xuízo trátase dun creador que se expresa dun xeito moi persoal, polo que "Solveira é simplemente Solveira", afirmou.

O concelleiro de Cultura concordou co tenente de alcalde ao destacar que a mostra de Pedro Solveira se enmarca nunha das liñas expositivas definidas para a Casa das Artes como é "ser a casa dos nosos grandes creadores, ser o espazo no que poder achegármonos a súa produción artística".

"Pedro Solveira, un vigués de Teis e artísta polifacético, é se dúbida un profeta na súa terra", afirmou Xesus López. Neste sentido salientou que se trata dun artista que ten mostrado a súa obra nos principais centros expositivos do mundo, entre os que destacou cidades como Madrid, Barcelona, París, Praga, Berlín, Londres, Nueva York o Tokio.

Expresou os seus parabéns e agradecemento a Pedro Solveira, por ser "un magnífico embaixador da nosa cidade", así como á comisaria da exposición, Alicia Garrido, o equipo da Concellería de Cultura e da Casa das Artes, "polo seu traballo para que hoxe a exposición sexa unha realidade".
Descargar todas as imaxes