Escoitar

O tenente de alcalde aposta por iniciativas como a Cool Night para abrir Vigo a novos mercados turísticos

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, sinalou hoxe na presentación da Vigo Cool Night que iniciativas deste tipo son moi importantes para conseguir que Vigo abra novos mercados turísticos que permitan a desestacionalización do sector. "Hai que buscar novas vías para buscar novos mercados", afirmou, ao tempo que animou ao sector a seguir por este camiño.

xoves, 21 out 2010
1287667385Night.JPG
O responsable de Turismo da cidade considera que é importante "que empecemos a ser optimistas e a crernos que co traballo feito nos últimos anos o sector turístico está empezando a coller forza". Santi Domínguez asegurou que hai que manter esa liña de traballo para conseguir que Vigo reciba máis visitantes, como acontecerá esta fin de semana grazas á Cool Night.

A Vigo Cool Night é un evento que se desenvolverá desde mañá e ata o domingo organizado pola Federación Provincial de Empresarios de Hostalería de Pontevedra e patrocinado polo Plan de Competitividade Turística de Vigo. Conta cun amplo programa de actividades que se inicia mañá, ás 21:30 horas no Pavillón das Travesas, cun concerto de Xoel López & La Caravana Americana. Xunto a Xoel López actuarán artistas como Iván Ferreiro, Xosé Manuel Budiño, os arxentinos Pablo Dacal, Sebastián Rubín e Lisandro Aristimuño, ou o portugués Manuel Cruz, entre outros.

Xa o sábado celebrarase unha Festa Retro, na que os 21 locais de ocio da cidade participantes agasallarán aos visitantes cun 10% de desconto e o domingo terá lugar un espectáculo de danza urbana. Como complemento desde mañá e ata o día 29 de outubro celebrarase a III Mostra Gastronómica de Pontevedra na que 20 restaurantes da cidade ofrecerán menús a base de peixes e mariscos a un prezo de 30 euros.

O tenente de alcalde sinalou que é importante tamén desenvolver acción dirixidas á mocidade, como é a Vigo Cool Night, e lembrou a repercusión que tivo nos anos oitenta a denominada "Movida viguesa", tanto na promoción da cidade como no sector turístico. Por iso, puxo en valor que iniciativas como esta complementan o traballo que se está a facer para impulsar o sector turístico como o Plan de Competitividade Turística, o Vigo Convention Bureau, ou a potenciación do turismo de cruceiros. Santi Domínguez salientou que as cifras de visitantes xa subiron en relación ao ano pasado e avanzou que o ano que vén os datos poden ser mellores grazas a todas as actividades de promoción que se están a facer, como a que onte tivo lugar en Porto, e a apertura da cidade ao novo turismo congresual.
Descargar todas as imaxes