Escoitar

A concellería de Medioambiente activa o plan de esterilización de felinos

Tal e como estaba previsto o Concello instalou xa as xaulas de atrape en distintos puntos da cidade para proceder á esterilización e posterior solta dos gatos salvaxes. O plan é fruto dun convenio de colaboración asinado entre o alcalde de Vigo, os colexios de Biólogos de Galicia e de Veterinarios de Pontevedra e a Sociedade Protectora de Animais e Prantas de Vigo.

venres, 23 xul 2010
1279892142gato2.JPG
A concellería dirixida pola socialista Chus Lago ten xa en marcha o plan para controlar a colonia de gatos salvaxes da cidade mediante a súa esterilización. Ata o de agora xa se recolleron felinos que serán esterilizados e postos posteriormente en liberdade nos seus puntos de recollida.

A idea, tal e como se acordou o pasado mes de xuño, é evitar o crecemento das colonias evitando a reproducción e as molestias que poidan chegar a ocasionar os gatos en celo, unha medida que é levada a cabo con éxito en grandes cidades españolas.

Para poder levar adiante o proxecto xa se equiparon os quirófanos e se compraron as xaulas de atrape para que os animais poidan ser esterilizados nas instalacións municipais. A edil de medioambiente, Chus Lago, lembrou que ata o de agora o seu departamento leva destinado 400.000 euros á mellora da protetora municipal. Tamén incidiu en que as instalacións municipais contan agora cun quirófano onde realizar as esterilizacións, unha mellora que supuxo un investimento de 36.000 euros.

Medioambiente efectuou asemade outras reformas como a conexión do recinto ao saneamento municipal, a contratación dun xestor autorizado para os animais falecidos e a adquisición dun vehículo para o laceiro, entre outras.
Descargar todas as imaxes