O Concello fai entrega dunha pedra da antiga grada de Marcador como recordo

mércores, 15 mai 2024

O alcalde anunciou ao comezo da demolición da antiga grada de Marcador do Estadio Municipal de Balaídos que as persoas interesadas terían unha pequena pedra como recordo. O Concello ten preparadas uns centos delas para que as persoas interesadas poidan retiralas na Concellería de Fomento (2º andar do Concello). Trátase dun anaco de pedra sobre un metacrilato que "é un adorno bonito" para lembrar o que foi a antiga grada do campo municipal de Balaídos e onde xoga o Real Club Celta.

A cidade ilumínase de amarelo polo Día Mundial da Osteoxénese Imperfecta

luns, 6 mai 2024

Este luns 6 de maio conmemórase o Día Mundial da Osteoxénese Imperfecta, unha doenza rara coñecida como "enfermidade dos ósos de cristal" que se orixina por unha anomalía xenética que deriva na xeración insuficiente de coláxeno, a proteína maioritaria do corpo humano, e que acaba limitando de xeito importante a calidade de vida dos enfermos. O Concello de Vigo súmase á conmemoración da xornada iluminando de amarelo as fontes da rúa Aragón esta noite co fin de concienciar á cidadanía sobre esta enfermidade.