venres, 23 xul 2010
Vigo recupera o fútbol sala internacional no verán. Tras vibrar a cidade coa Supercopa de España, en xaneiro, agora é a quenda do novo Trofeo Concellería de Deportes, que xogarán a partido único a selección de Vigo e a selección nacional de Qatar. O encontro, fixado para o mércores 28 deste mes, disputarase no pavillón de Coia con entrada gratuíta (21:00 horas).<br />
xoves, 22 xul 2010
O torneo internacional de tenis feminino Cidade de Vigo, V Copa Caixanova, comeza este sábado coa fase previa no IMD de Samil e a fase final dende o vindeiro día 27, martes, á espera da final do domingo 1 de agosto. O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, explicou que o Concello como un dos patrocinadores principais do evento continúa así na súa aposta polo deporte feminino.
venres, 16 xul 2010
O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, recibiu hoxe á loitadora viguesa Nerea Vila que do 3 ao 8 de agosto competirá en Saraxevo no Campionato europeo cadete de loita grecorromana e libre. Nerea Vila conseguiu o pase ao que será o seu primeiro torneo internacional nunha fase previa que se disputou o mes pasado en Alemania, converténdose na primeira loitadora galega que vai participar nun europeo cadete.
mércores, 14 xul 2010
O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, fixo este mércores un chamamento aos vigueses e viguesas para presenciar o vindeiro 17 de xullo a saída do XII Rallye Rías Baixas de Clásicos, que terá lugar na Praza do Rei ás 10.30 horas. A proba, puntuable para a Clásica Galega 2010, conta xa con 52 equipos inscritos e o vehículo máis antigo é de 1953.
xoves, 8 xul 2010
A Fundación Vigo en Deporte entregou hoxe as axudas do Programa Siareiros, tanto de Elite como de Base, para un total de 35 clubs da cidade, once deles de máxima categoría. Nun acto cos clubs nas instalacións de Begano, un dos patrocinadores privados de VIDE, a fundación que preside o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, desembolsou 112.000 euros polo número de carnés Siareiros Elite e Base que fixeron os equipos e polos adestramentos anuais das entidades deportivas de base.
mércores, 7 xul 2010
O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, presentou este mércores o XXXI Gran Premio Cidade de Vigo de Atletismo, que terá lugar nas pistas de Balaídos o vindeiro sábado 10 de xullo a partir das 19 horas. O nacionalista animou aos vigueses e viguesas a achegarse a Balaídos e asegurou que será un "espectáculo deportivo que merece a pena contemplar".
xoves, 1 xul 2010
O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, presentou este xoves a oitava edición do programa de competicións deportivas de verán Vigoarea, que se desenvolverán entre o 3 e o 25 de xullo na praia de Samil. Volei praia, foot voley, fútbol praia, balonmán praia, tenis praia e cachibol son os deportes que inclúe a programación, que segundo asegurou o concelleiro nacionalista "será todo un éxito".
mércores, 30 xuñ 2010
O Mundial Universitario de Taekwondo xa está en marcha coa competición de pumse (técnica). A cerimonia inaugural tivo lugar hoxe no pavillón das Travesas coa presenza de Santi Domínguez, tenente alcalde de Vigo e presidente honorífico do comité organizador; Xabier Alonso, concelleiro de Deportes da cidade; Xosé Henrique Costas, vicerreitor de Extensión Universitaria; José Ramón Lete, secretario xeral para ou Deporte; e Kemal Tamer, membro do comité executivo da FISU. Tamén estiveron presentes os presidentes da federacións Galega e Española, Mercé Barrientos e Jesús Castellanos.
martes, 29 xuñ 2010
O XI Campionato do Mundo Universitario de Taekwondo presentouse hoxe con todas as expectativas deportivas superadas. A organización calculaba hai unhas semanas que habería uns 450 participantes e finalmente serán uns 600. O tenente de alcalde, Santi Domínguez, celebrou que "Vigo é imparable, bate marcas e seguirá facéndoo. Pero ademais do deportivo, do que non dubidaba, hai máxima ocupación hostaleira con cinco hoteis cheos, e este evento coincide co campionato de billar, co que o retorno ecónomico será moi importante para a cidade".
xoves, 24 xuñ 2010
O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, presentou este venres o Campionato de España por Autonomías de Atletismo, que se celebrará nas pistas de atletismo de Balaídos o sábado, 26 de xuño, en horario de mañá e tarde. O nacionalista destacou que esta competición se suma ás distintas iniciativas postas en marcha para recuperar o atletismo en pista de alto nivel, xa que grazas a colaboración de Concello e Federación Galega de Atletismo foi posible executar parte da remodelación demandada polos deportistas.