Caballero felicitou aos representantes do Celta Bosco no Mundial sub 19 e renovou o seu apoio ao club, sen patrocinador
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, recibiu hoxe á representación céltica que participou este verán no Campionato do mundo sub 19 de baloncesto feminino, en Bangkok (Tailandia), e que obtivo a medalla de prata con España. Carlos Colinas (seleccionador), Marina Delgado (xogadora) e Mario Muñoz (preparador físico) acudiron a Alcaldía acompañados polo vicepresidente do Celta Bosco, Carlos Álvarez, destacando a súa "satisfacción polo recoñecemento municipal ao noso éxito", explicou Colinas.
Nun encontro privado duns 40 minutos, o rexedor interesouse pola traxectoria de España no Mundial, preocupouse polo contratempo físico sufrido por Delgado no adestramento de onte nas Travesas (escordadura de nocello dereito, grao 2, dúas semanas de baixa), pois a internacional acudiu con muletas, e tamén preguntou pola situación deportiva do primeiro equipo, que este sábado xoga o seu terceiro encontro da Liga Feminina, segundo no Pavillón Central.
"A súa satisfacción tamén é a miña", dixo o alcalde en conferencia de prensa, "porque unha participación internacional desta envergadura e cun subcampionato mundial é un feito deportivo notable que amosa a importancia e arraigamento do deporte de base en Vigo e do baloncesto de forma moi singular", concluiu.
Caballero apuntou tamén que durante a recepción "falouse das necesidades financeiras do club" nun ano complicado. "De novo renoveilles o noso apoio. Non vai ser doado porque os recursos son os que son pero confío que nos Orzamentos do vindeiro ano podamos completar as cantidades que se necesitan", anunciou. O alcalde lembrou que a entidade que preside Paco Araújo "está vendo baixar de forma moi importante os patrocinios, e ese espazo ten que ser cuberto provisionalmente desde o ámbito público".
Descargar todas as imaxes