Escoitar

O alcalde di que Vigo ten "poderosas razóns" para figurar na rede europea de portos centrais e pedirá a revisión dos criterios

Abel Caballero asegurou este luns que solicitará á Comisión Europea que matice a súa clasificación de portos e incorpore os tráficos de mercancía xeral no seu criterio. O alcalde recordou que o Porto de Vigo move 4 millóns de toneladas ao ano, dos que 3,4 millóns son mercancía xeral, polo millón de A Coruña e Xixón, que si foron considerados terminais nodais. No tocante á clasificación europea, "os criterios non son o suficientemente explícitos", polo que o alcalde confía en incorporar Vigo á rede portuaria central europea.

luns, 24 out 2011
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou este luns que Vigo ten "poderosas razóns" para formar parte da rede de portos centrais de Europa, polo que pedirá a revisión dos criterios empregados na clasificación pola Comisión Europea.

Na clasificación portuaria da Rede Europea de Transporte, recentemente publicada, Europa empregou o volume total de tonelaxe de mercancías que moven os portos, sen ter en conta a vinculación destas co transporte terrestre.

Tal e como explicou Caballero, Vigo xestiona 4 millóns de toneladas anuais, das que 3,4 son de mercancía xeral; A Coruña move 11,8 millóns, pero so un é de mercancía xeral; namentres que Xixón cada ano opera con 15,5 millóns, dos que 950.000 toneladas son de mercancía xeral.

"Cremos que Europa debe matizar a súa clasificación de portos", afirmou Caballero, quen avoga por incorporar a mercancía xeral aos criterios de avaliación. O rexedor vigués tamén apuntou que o porto de Huelva non é nodal pese a mover 22 millóns de toneladas anuais e o de Sevilla si o é con 4,3 millóns, prácticamente como Vigo.

Xunto a solicitar a incorporación da mercancía xeral nos criterios europeos, Abel Caballero tamén avanzou que o emprego xerado no territorio ou o valor das mercancías portuarias poderían ser outros eixos de valoración por parte da Comisión Europea.

Depuradora
Por outra banda, o alcalde vigués deu conta á cidadanía dunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia favorable aos intereses municipais sobre a nova Estación Depuradora de Augas Residuais do Lagares.

A asociación "Salvemos Pontevedra" presentou un recurso en decembro de 2007 solicitando a paralización do proceso, e o Tribunal desestimouno nunha "sentenza satisfactoria" que "elimina riscos" legais sobre a nova depuradora.

Abel Caballero adiantou que "en poucos días" visitará a cidade olívica a empresa que construirá a EDAR do Lagares para explicar publicamente os detalles do proceso constructivo.