Escoitar

Manel Fernández di que "o Concello vai apostar por manter a Vigo como referencia estatal" en judo

O Multiusos de Navia acollerá este sábado por vez primeira o Cidade de Vigo de judo, que cumpre dez edicións como gran premio internacional aínda que lévase disputando dezaseis edicións con esta. Este evento, organizado pola Federación Galega de Judo, abandona o seu tradicional domicilio de Coia (aínda que tamén se viviu nas Travesas e Bouzas) para acudir "á instalación máis moderna que temos hoxe en día", sinalou o concelleiro de Deportes, Manel Fernández.

xoves, 6 out 2011
1317906865judo.jpg
Ata 210 judokas (74 mulleres) de cinco países (España, Portugal, Italia, Alemaña e Suecia) daranse cita este sábado no segundo polideportivo da cidade, que continúa a sumar eventos importantes de base desde a súa inauguración tras a Minicopa do Rei cadete (balonmán) e o Campionato de España infantil (baloncesto). A decisión, consensuada entre a federación autonómica e a Concellería de Deportes, permitirá á organización manter un nivel extraordinario ao colocar por vez primeira cinco tatamis ao tempo, unha solución técnica que non se podía levar a cabo en Coia. Este ano, o Cidade de Vigo será ademais Supercopa cadete (só hai tres probas puntuables), "o que garante aos gañadores case un 50% de posibilidades de ir ao Campionato de España", asegurou Mario Muzas, presidente da FGJ, durante a presentación do campionato masculino e feminino no Concello, por ser este o patrocinador principal da proba. Vigo recibe a Supercopa porque a valoración organizativa do Cidade de Vigo como Copa de España o ano pasado "obtivo a máxima puntuación", dixo Muzas.

Segundo explicou Manel Fernández, "este encontro internacional amosa o traballo ben feito da federación. Vigo é unha das principais referencias entre as cidades españolas no eido do deporte; a aposta deste goberno é seguir apoiando e investindo para que sexa posible que Vigo continúe a ser unha das cidades máis importantes do Estado", asegurou. Con equipos de trece comunidades autónomas e que repiten os países de 2010 (Portugal é fixo pola súa veciñanza e Italia xa estivo presente en 2009 e a pasada edición), o Gran Premio garante a súa calidade e proxección para os mozos deportistas.

"Imos ter unha participación moi alta e virán os mellores judokas de España nesta categoría (nacidos en 1996 e 1997)", comunicou Muzas. Pelexarán en oito pesos en combates de catro minutos por eliminatoria directa con repesca dobre cruzada. Con Galicia colocando en liza a 41 competidores, Alemaña e Suecia chegan hoxe mesmo á cidade e Italia farao mañá pola mañá. Máis de 50 competidores serán estranxeiros nesta décimo sexta edición do torneo vigués, que contará con judokas de trece clubs galegos.

Lucía Molares, delegada territorial da Xunta, engadiu a "forte vinculación deste tipo de eventos co sector turístico, ao permitir que deportistas doutros países coñezan a cidade". Ademais, lembrou o incremento nun 60% do número de licenzas federativas de judo dende 1996.

O Gran Premio ábrese cun congreso previo para adestradores este venres (19:00 horas) e a pesada oficial no Hotel Coia (21:00). A competición iniciarase o sábado 8 ás 9:00 horas, disputándose as medallas de bronce ás 15:00 horas e as finais ás 16:00.
1317906865judo.jpg
1318498272IMG_3500.JPG
1318498287IMG_3518.JPG