Escoitar

Comeza o II ciclo de charlas sobre mulleres de discurso feminista "Mulleres con historia"

O xoves día 6 comenza o II ciclo de charlas sobre mulleres con discurso feminista programado polo Centro de Documentación e Recursos Feministas de Vigo. Ás 19 horas a profesora Pilar Allegue Aguete falará sobre Concepción Arenal, unha das figuras máis relevantes do século XIX en España, tanto no plano intelectual como social, renovadora do pensamento sobre os conceptos de igualdade e liberdade.

mércores, 5 out 2011
1317818544concepcion.jpg
Concepción Arenal
Esta galega nacida en Ferrol é unha das figuras máis relevantes do século XIX en España, tanto no plano intelectual como social, renovadora do pensamento sobre os conceptos de igualdade e liberdade.

Con Concepción Arenal nace o feminismo en España, pois desde nova loitou por romper os cánones establecidos para as mulleres rebelándose contra a tradicional marxinación do sexo feminino e reivindicando a igualdade en todas as esferas sociais da muller. A súa ampla bibliografía agrúpase a redor de tres grandes temas: as denominadas "cuestión social" "penitenciarias" e "feminina".Morreu en Vigo, onde foi enterrada.

A relatora da charla será Pilar Allegue Aguete, profesora de Filosofía do Dereito da Universidade de Vigo. Unha das súas liñas de investigación e especialización céntrase en temas de feminismo , onde ten publicados numerosos traballos, entre eles varios sobre o pensamento de Concepción Arenal.

O ciclo de charlas sobre mulleres de discurso feminista "Mulleres con historia", terá lugar os xoves 6 e 13 de outubro,3 e 10 de novembro e nelas falarase de Concepción Arenal, Sofía Casanova, Kate Millet e Betty Friedan.

O Centro de Documentación e Recursos Feministas de Vigo está nas dependencias da Biblioteca Pública Central, na rúa Joaquín Yáñez 6,2º.
Descargar todas as imaxes