A Casa das Artes amosa unha exposición fotográfica dos 40 anos de Médicos Sin Fronteras
Coincidindo co 40 aniversario do seu nacemento, Médicos Sin Fronteras (MSF) inaugura, gracias á Concellería de Cultura, festas e políticas do Benestar, o 5 de outubro, na Casa das Artes de Vigo, a exposición "40 Anos de Acción Humanitaria Independente", unha mostra fotográfica que repasa a historia da organización, así como os principios que guiaron o seu traballo durante as últimas décadas. A exposición inaugurouse esta mañá coa asistencia de Abel Caballero, alcalde de Vigo e Fran Román, expatriado de MSF e poderase visitar ata o vindeiro 23 de outubro.
Tal e como explica a exposición, MSF naceu en 1971 da man dun grupo de médicos e xornalistas, frustrados uns porque o mandato da organización na que traballaban lles impedía prestar testemuño sobre o xenocidio dos ibo en Biafra (Nixeria, 1968), outros pola ineficacia con que se atendeu ás vítimas das inundacións de 1970 en Paquistán Oriental (actual Bangla Desh): defendían unha acción médica independente de intereses políticos ou económicos, que acudise alí onde a emerxencia o requirise para prestar asistencia e testemuño.
Hoxe, MSF é unha das principais organizacións humanitarias independentes do mundo, e lamentablemente ten que celebrar pouco, xa que as crises ás que responde na actualidade recordan moito as primeiras emerxencias nas que a organización interveu hai 40 anos.
O obxectivo ten sido sempre o mesmo: preservar a vida, aliviar o sufrimento e restablecer a dignidade das persoas en periodos nos que a súa supervivencia está ameazada, traballando desde principios como a independencia, a neutralidade, a non discriminación, e conviccións como o profesionalismo, a innovación e a transparencia.
A exposición consta de 30 fotografías, que abranguen a historia de MSF a través dalgúns dos principais contextos en que interveu nas últimas catro décadas, prestando asistencia a poboacións en situación precaria e vítimas de conflitos armados, desprazamentos forzados, enfermidades endémicas e epidémicas, catástrofes naturais, violencia social e exclusión da atención sanitaria, nos cinco continentes.
A mostra abre unha ventá aos conflitos de Afganistán, Líbano, Territorios Palestinos, Iraq, Colombia, Bosnia, Chechenia, Somalia, Darfur ou República Democrática do Congo, entre outros, así como ao xenocidio de Ruanda, as fames de Etiopía e Angola, o terremoto e posterior epidemia de cólera de Haití, o furacán Mitch en Centroamérica, o tsunami do sueste asiático, e a crises relacionadas con pandemias, brotes epidémicos e enfermidades esquecidas como o VIH/sida, a febre hemorráxica Marburg, a meninxite ou o mal de Chagas.
Destas crises e do traballo do persoal de MSF atendendo aos que as sufriron foron testemuña prestixiosos fotógrafos como Sebastião Salgado, Juan Carlos Tomasi, Bruno Stevens, Bruno Barbey, Olivier Jobard, Roger Job, Eric Bouvet e John Stanmeyer, ou axencias como Gamma, Magnum, Cosmos, Moment, Sipa Press e VII, que contribuíron co seu traballo a loitar contra o esquecemento político e mediático que leva cobrándose décadas un alto prezo en vidas humanas e sufrimento en todo o mundo.