Escoitar

O alcalde anuncia unha actuación de emerxencia para mellorar a pista de atletismo de Castrelos

Abel Caballero visitou este martes o parque de Castrelos, onde anunciou unha actuación "inmediata" e de emerxencia para mellorar a pista de atletismo do parque, que consistirá en retirar as pedras e depositar un xabre máis fino. A longo prazo, o alcalde adiantou que a Concellería de Deportes elaborará un proxecto para adecuar o trazado ás necesidades dos deportistas. Caballero tamén informou da decisión municipal de abrir os vestiarios de modo "bastante frecuente".

martes, 18 out 2011
1318943369castrelos.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este martes unha dobre actuación para acondicionar as pistas de atletismo de Castrelos, unha primeira de emerxencia e un proxecto a longo prazo.

Nunha visita ao parque, Caballero recordou que o goberno local xa realizara unha mellora na pista o pasado ano, pero as fortes precipitacións do verán causaron que o firme estea excesivamente duro e con pedras.

Tras realizar unha inspección cos técnicos municipais, Abel Caballero adiantou que Parques e Xardíns realizará "inmediatamente" unha actuación de emerxencia na pista, que pasará por barrer e retirar as pedras e depositar un xabre máis fino.

En segundo lugar, a Concellería municipal de Deportes elaborará un proxecto para cumprir "á perfección" co cometido da pista, usada por "miles de persoas"; unha "actuación de envergadura" para ter un circuito acondicionado que terá un custo "considerable".

O alcalde vigués tamén adiantou a decisión municipal de abrir de forma "bastante frecuente" os vestiarios e as duchas para os atletas, que reclamaban espazos ao efecto. Caballero recordou que, no parque de Castrelos, o goberno de Vigo xa introduxo melloras como novos aparatos de ximnasia e un parque biosaudable.

Parque temático
Abel Caballero recordou que a proposta municipal de realización dun parque temático en Castrelos xa está remitida á Xunta de Galicia, que precisa do permiso autonómico ao ser o parque o Ben de Interese Cultural. O alcalde adiantou que o informe de Augas de Galicia sobre o proxecto foi favorable.
Descargar todas as imaxes