Escoitar

Caballero di que a Semana do Atlántico de vela, cun milleiro de barcos na Ría, "amosa a paixón de Vigo polo mar"

A Semana do Atlántico regresará á ría viguesa o 7 de outubro e ata o 1 de novembro 1.500 regatistas e 1.000 barcos competirán na Copa de Europa láser, no Open Meeting internacional (clases 420 e 470), no Meeting Internacional Pescanova de optimist, na Copa de España de platú e en diferentes regatas de cruceiros ORC de Solitarios e A Dos, snipe, cadete e vaurien.

xoves, 29 set 2011
1317301549alcaldenautico.jpg
A sucesión de probas que compón a Semana presentouse hoxe nos salóns do Real Club Náutico de Vigo, entidade organizadora xunto coa empresa Triente, e coa asistencia do alcalde da cidade, Abel Caballero, o presidente da Autoridade Portuaria, Ignacio López-Chaves, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, ademais de representantes de diversos patrocinadores privados.

Este ano, a flota estará composta por barcos de tres continentes (Europa, América e Asia), dezaoito países (debutan Singapura, Finlandia e Ucraína) e, a nivel español, dunha ducia de autonomías.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, afirmou que a semana "simboliza a paixón viguesa polo mar", e sostivo "que esta competición significa deporte, vocación e determinación". O rexedor municipal lembrou que "fronte aos barcos de motor, na vela o navegante fúndese co mar, navegar a vela é vivir o mar". Ademais, afirmou que eventos deste tipo suxírenlle que "este é o Vigo que nos gusta, entusiasma e encanta", en alusión á colaboración interinstitucional para apoiar unha proba destas características, facendo ademais especial fincapé no apoio do Porto e do seu presidente.

"A Semana pon a Vigo no escaparate mundial", sostivo Franco Cobas, presidente do Náutico, que asegurou que a ría "é o mellor estadio náutico posible no sur de Europa en plena tempada outono-inverno de vela". Pola súa banda, Jorge Santos, en representación de Novacaixagalicia, afirmou que "a Semana non é grande polos seus premios, senón pola súa ilusión", apuntando que ademais a organización "sabe aprender dos seus defectos". O presidente do Porto, López-Chaves, manifestou que estas accións demostran que "a Autoridade Portuaria non só se dedica á actividade económica senón que tamén ten espazo para as actividades da vela", mentres que Lete Lasa, o responsable do deporte autonómico, "fixo referencia a que os deportes asociados ao mar son os que traen a Galicia as maiores alegrías".

O Concello de Vigo, mediante a Concellería de Deportes, é patrocinador principal da decimosegunda edición da Semana xunto con Novacaixagalicia e Iberdrola. Este evento desenvólvese na bahía viguesa desde o ano 2000.
Descargar todas as imaxes