Escoitar

O programa UTIL de emprego forma e ocupa a máis dun centenar de traballadores

O alcalde, Abel Caballero, visitou hoxe venres unha das obras nas que están a traballar os participantes do programa municipal UTIL, dirixido á formación de 103 persoas con dificultades de inserción laboral. O rexedor salientou a relevancia de acometer melloras nas parroquias de Vigo, foco de actuación dos beneficiarios do programa de emprego municipal.

venres, 20 mar 2009
1237555656obra.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Santos Héctor, visitaron hoxe o Camiño da Coba, en Sárdoma, onde 6 traballadores están a construir beirarrúas a través do Programa UTIL da Concellería de Promoción Económica e Emprego.

O alcalde salientou na súa visita un programa "que xera emprego e embelece Vigo", e sobre todo actúa nas parroquias proporcionando "calidade de vida á xente" porque "en Vigo todos somos iguais", cos mesmos dereitos e obligacións.

Cun investimento superior aos 400.000 euros, o UTIL ofrece formación teórica e práctica a 103 persoas con dificultades de inserción laboral co obxectivo buscar a integración socio-laboral dos mesmos. Deste xeito, a maior parte dos contratados son mulleres e maiores de 45 anos, ademais de discapacitados, inmigrantes, parados de longa duración e vítimas de violencia doméstica.

Unha vez superada a fase teórica, os beneficiarios do programa da Concellería que dirixe Santos Héctor poñen en práctica os coñecementos adquiridos principalmente nas parroquias de Vigo.

Xunto coa construcción de beirarrúas no Camiño da Coba de Sárdoma, os efectivos do UTIL están a traballar na actualidade en Castrelos, no Parque do Castro, na Madroa e en Bembrive, entre outros.
Descargar todas as imaxes