Escoitar

A Entidade Local Menor de Bembrive recibirá do Concello "a estabilidade que necesita"

O Concello achegará unha dotación anual de 236.000 euros á Entidade Local Menor de Bembrive, segundo establece o convenio asinado hoxe venres pola alcaldesa, Corina Porro, e o alcalde pedáneo, Benito Pérez.

venres, 18 mai 2007
1179488130bembrive180507.jpg
Porro sinalou que o Concello "tiña unha asignatura pendente" coa Entidade Local Menor de Bembrive e afirmou que este convenio lle dará "a estabilidade que necesita", xa que a achega municipal de 236.000 euros anuais se realizará ata 2021, actualizándose cada ano coa variación do IPC. Esta axuda, dixo a alcaldesa, permitirá que a xestión dos asuntos públicos "poida facerse de forma cada vez máis descentralizada".

Pola súa parte, Benito Pérez adiantou que a dotación contida neste convenio lle permitirá á Entidade Local Menor de Bembrive "se cabe ser un pouco máis autónoma e facer as obras que os veciños demandan".

O mencionado convenio establece como obrigas da Entidade Local Menor de Bembrive facer fronte aos custos de mantemento, conservación, reparación e limpeza de camiños públicos municipais con algún tipo de pavimentación situados ou que poidan situarse no ámbito xeográfico da dita entidade. Ademais, a Entidade Local Menor de Bembrive será responsable da conservación e limpeza das parcelas axardinadas, propiedade do Concello, situadas no seu ámbito territorial.

O Concello deberá executar as obras de renovación, ampliación e substitución das infraestruturas mencionadas, levando a cabo estas accións con cargo aos seus propios orzamentos.

Corina Porro lembrou que nos últimos tres anos e medio o investimento do Concello en colaboración con outras administracións alcanzou os 4 millóns de euros en Bembrive. Esta cantidade serviu para financiar o asfaltado de 18 camiños, executar seis kilómetros de beirarrúas e iniciar a primeira fase do centro cultural da parroquia, así como diversos traballos de sinalización horizontal e vertical. Dentro deste mesmo investimento destacan os 1,2 millóns de euros destinados ao saneamento de Bembrive.
Descargar todas as imaxes