Escoitar

Coia celebrará o seu Día do Mozo o próximo 26 de maio

A Asociación de Veciños "Camiño Vello" de Coia organiza o sábado 26 de maio, coa colaboración da Concellería de Xuventude, a VIII edición do Día do Mozo, na que participarán 19 colectivos do barrio cos seus obradoiros e actuacións para todos os nenos e mozos que se acheguen ao contorno da avenida de Castelao.

venres, 18 mai 2007
1179491260diadomozo07.jpg
As 19 entidades situarán ao longo da avenida os seus postos, aos que os rapaces poderán acceder durante todo o día a partir das 10.00 horas para participar nun total de 30 obradoiros, desde os de marcapáxinas e pintado de caras ata os de iniciación ao baile galego e tres en raia, pasando polos de papiroflexia, pintura e monicreques.

Tamén dentro do programa do Día do Mozo, o Campo da Festa e o Campo Roxo de Coia acollerán a partir das 17.00 horas e durante toda a tarde actuacións a cargo de grupos de aprendizaxe de seis das entidades participantes. Así, poderanse ver exhibicións de patinaxe, baile galego e moderno e kick boxing.

Ademais destas actividades, no posto de información que se situará á altura do primeiro paso elevado vindo das Travesas terá lugar unha mostra dos traballos dos obradoiros dos distintos colectivos. Así mesmo, ao longo da avenida colocaranse oito inchables para os máis pequenos, que tamén poderán dar un paseo no popular tren que cada ano habilita a organización do Día do Mozo, e que fai percorridos entre Praza América e a rotonda da avenida de Europa, de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas.

O Día do Mozo rematará arredor das 21.00 horas co sorteo dunha bicicleta entre os rapaces que acrediten ter pasado por un mínimo de seis postos. Para iso, a organización entregaralle a cada rapaz unha tarxeta que terá que ir selando en cada posto para finalmente depositala no posto de información.
Descargar todas as imaxes

Máis información